BURELA (FNC) .- A residencia da terceira idade de Burela foi evacuada na noite de onte despois de que saltase o detector de incendios na cociña do centro. Non houbo lume e realizadas as comprobacións pertinentes os técnicos chegaron á conclusión de que non se producira ningún escape de gas nas instalacións. O alcalde, Alfredo Llano, apunta a un posible fallo técnico como o causante do ocorrido, e manifestou que todo o protocolo de actuación funcionou correctamente. As alarmas saltaron ás dez da noite e media hora despois rematou o susto.
O rexedor sinalou que “non houbo ningunha fuga de gas segundo manifestaron os técnicos que acudiron ao centro a revisar a instalación, que saltara a alarma e o CO2 puido deberse a un fallo do sistema”.
Llano explicou que “todo o protocolo de actuación funcionou correctamente, procedeuse a evacuar a todo o persoal da residencia, estiveron fora unha media hora e mentres estivemos a decidir a súa distribución por hoteis, etc, si chegaba a ser necesario. Todo se fixo con moita rapidez e con seguridade. Unha vez realizadas as revisións e comprobacións pertinentes viuse que todo funcionaba con normalidade. Todos voltaron ás súas habitacións e ás once e media estaba xa resolto o susto pasado”.
O alcalde burelés engadiu que “foi unha falsa alarma provocada por causas que aínda non coñecemos”.