Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo e a Deputación asinaron un acordo para rehabilitar o patrimonio histórico

MONDOÑEDO .- O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, asinaron este luns o convenio de colaboración para a recuperación da Ponte do Pasatempo, que na actualidade está bastante deteriorada. O importe desta actuación é de 108.677 euros, dos que o organismo provincial achega 50.417, o Ministerio de Fomento 37.778 e a Consellería de Política Territorial 26.482 euros.

Gómez Besteiro destacou que “o pasado venres aprobamos o convenio na Xunta de Goberno porque entendemos que se trata dun dos monumentos máis emblemáticos da Mariña que é importante recuperar, e que dende o organismo provincial estamos potenciando tamén co Km0. Mondoñedo conseguiu un gran proxecto de rehabilitación e a Deputación fai fronte a un investimento que pode parecer pequeno pero que, sen embargo, para o Concello é moi grande. En actuacións coma esta é onde a Deputación cobra sentido e demostra que está ó servizo dos Concellos. Para nós é unha satisfacción facer un oco na historia da rehabilitación deste municipio, e na que tamén colabora o Goberno de España”.

A través desta iniciativa recuperarase tamén o contorno da Ponte; unha zona privilexiada dende o punto de vista paisaxístico e patrimonial con marcados valores culturais e históricos como os barrios dos Muíños -configurado por unha paisaxe de canles e regatos que lle dan o nome de “Venecia” de Mondoñedo e pola capela de Santiago, edificada a mediados do século XVII-, e o de San Lázaro -marcado pola actividade empresarial de transformación madereira-. A ponte sitúase sobre o río Valiñadares e foi testemuña dun importante fito histórico que evoca a memoria do Mariscal Pardo de Cela apresado en 1483 e decapitado por orde dos Reis Católicos.

Pola súa banda, o Alcalde agradeceu a colaboración do Presidente, “xa que hoxe trae o indulto a Mondoñedo, ó igual que a muller do Mariscal Pardo de Cela para o seu marido. Hoxe por sorte ó Concello de Mondoñedo non lle cortan a cabeza porque os cartos que tería que poñer para recuperar este contorno emblemático ponos a Deputación”. Neste senso, Orlando González felicitou a Gómez Besteiro pola xestión que está a levar a cabo, “que é importantísima para que Concellos como este poidan ter acceso a investimentos que polos seus recursos non poderían”.

Rehabilitación do centro histórico

Con anterioridade, Gómez Besteiro e Orlando González asinaran outro convenio que lle permitiu ó Concello completar a rehabilitación do centro histórico. Concretamente, o organismo provincial achegou 47.000 euros para a construción dun aparcadoiro subterráneo na zona de Alcántara, obra que xa está executada.

No ano 99, a través do Plan de Rehabilitación do Concello, dotado con 1,5 millóns de euros e subvencionado polo Ministerio de Vivenda nun 55%, acometeuse a restauración da Capela e dos accesos das principais rúas do centro histórico, quedando pendente a construción do aparcadoiro, que tivo un custe total de 103.000 euros. Deste xeito, e debido ós problemas de liquidez que está a ter a entidade local, a Deputación colaborou coa entidade municipal co fin de revitalizar a zona máis emblemática deste Concello.

Máis de 1,5 millóns de euros para Mondoñedo

A Deputación tamén realizou durante os últimos tres anos outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans, e que suman máis de 1,5 millóns de euros. Dentro do POS de 2010, Gómez Besteiro anunciou que o organismo provincial mellorará a CP 3101 que vai de Oirán a Ver e que ten unha lonxitude de 13,229 quilómetros. O importe desta actuación é de 1.156.859 euros, de tal xeito que o investimento que se realiza no treito pertencente a este municipio é de 785.989 euros.

Dentro das Comunidades Veciñais durante os últimos tres anos, executáronse 9 obras para as que a institución provincial achegou 75.770 euros. Por outra banda, este Concello está integrado na zona 2 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais. O mantemento dos 66,04 quilómetros deste municipio supuxo un investimento para a Deputación no que vai de mandato de 462.700 euros.

A través do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, a Deputación achegou 30.766 euros, para a roza das estradas 35.064 euros e para as obras do Plan de Obras e Servizos municipal 43.488.

Exit mobile version