CERVO .- O alcalde de Cervo supervisou esta mañá o inicio dos traballos de mellora na rede de abastecemento de auga que realizará en diversos puntos do término municipal.
Esta actuación foi licitada o pasado mes de febreiro pola empresa pública de Servizos Hidráulicos da Consellería de Medio Ambiente por un importe de 209.767 euros e ten por obxecto actuar na mellora de diversos tramos da rede de augas municipal nos núcleos de Cervo, Lieiro, San Ciprián, e de xeito especial nos burgos de Castelo e Rueta.
Segundo indicou o rexedor local, Alfonso Villares, as obras perseguen tres finalidades: “Por unha banda, renovar boa parte das canalizacións de abastecemento de augas nas zonas que presentaban maiores problemas de avarías polo paso do tempo; por outra, optimizar a calidade do servizo en puntos onde a rede adoecía de deficiencias; e finalmente, aproveitaremos tamén para dotar deste servizo a zonas que ata o momento carecían del, coma é o caso dalgúns puntos de Castelo e Rueta” sinalou.
Alfonso Villares salientou o beneficio que suporá este investimento procedente da Xunta para os veciños do termino municipal e lembrou que a devandita actuación forma parte do programa de dotación e mellora de infraestruturas básicas que o Goberno local está a levar adiante no que se integran obras que xa se están en marcha coma as do abastecemento de auga compartida co concello de Burela, ou os saneamentos de San Ciprián e Cervo; así coma outras que comezarán pronto coma é o caso do saneamento da Senra.
“O conxunto destas actuacións suman uns investimentos procedentes de distintas administracións de máis de 12,6 millóns de euros no termino municipal no que a mellora e ampliación das infraestruturas básicas se refire” salientou o rexedor.
Alfonso Villares adiantou que o equipo de Goberno local continuará a traballar en colaboración coas distintas administracións “para poder conseguir dotar e modernizar as infraestruturas básicas do noso concello paso a paso, ata poder chegar a dotar a tódolos recunchos dos nosos núcleos de poboación este tipo de servizos”