MONDOÑEDO.- O xefe territorial de Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo, asistiu hoxe ao acto de inauguración dos IV Cursos Internacionais de Música e Musicoterapia, que se celebrará en Mondoñedo (Lugo). Esta edición rematará o vindeiro domingo 25 de xullo.
As actividades, organizadas pola Asociación Interdisciplinar Músico- Sensorial para Persoas con Necesidade Especiais (AIMPNE), contarán, do mesmo xeito que en pasadas edicións, con músicos destacados do panorama nacional e internacional que impartirán clases maxistrais aos alumnos e ofrecerán concertos.
Hoxe os actos comezaron coa presentación de ‘O pequeno Lume’, un espectáculo de luz e son coa queima da fachada da catedral de Mondoñedo. Ademais, os asistentes ao acto de apertura presenciaron a actuación do pianista de jazz latino Michel Camilo.
A xornada inaugural completouse coa participación de catro alumnos das edicións anteriores que interpretaron unha obra composta especialmente para o día de hoxe. Un destes estudantes será a primeira persoa con síndrome de Down que toca o bombardino nun acto destas características.
Actividades variadas
Ao longo dos vindeiros días daranse clases e realizaranse concertos, entre os que se inclúen o do domingo no que o protagonismo será para as alumnas e alumnos asistentes ao curso. Ademais ata o 25 de xullo están programadas jams sessións e actividades lúdicas.
A organización da actividade contará coa presenza dun amplo equipo humano coordinado por Lorena López Cobas, que será a responsable de organizar aos musicoterapeutas; un amplo equipo sanitario no que se inclúen médicos, enfermeiras e hixienistas dentais. Tamén haberá logopedas, pedagogos, educadores sociais, unha psicóloga, unha contacontos, e traductores.
Por outra banda o curso de música contará coa presenza do profesor de tuba, Jens Bjorn-Larsen; de fagot, Ole-Kristian Dahl; de óboe, Max Artved; de clarinete, Wenzel Fuchs; de frauta, Henrik Weise; de trompa, Luca Benucci; de trombón, Jonas Bylund; de trompeta, Frits Damrow. Ademais contarán coa presenza da pianista acompañantes, Tomoko Sawano.
As actividades complétanse co curso de jazz, no que participarán o trompeta, Michel P. Mossaman; o saxofón, Antonio Hart; ao piano estará César Latorre; a batería correrá a cargo de Artis Orbus; e o baixo será Petros Klampanis.