CERVO .- A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Pilar Armada, considera plenamente xustificadas as queixas dalgúns veciños da parroquia de Sargadelos que levan xa varios anos soportando o abandono do Goberno provincial en canto ao mantemento da estrada que os une co resto de parroquias do termo municipal e sen que ata o momento a Deputación teña feito nada ao respecto.
Segundo precisou a responsable de Medio Ambiente, as queixas veciñais recollidas no Concello céntranse fundamentalmente no deterioro do vial nalgún dos seus tramos, a ausencia de limpeza e desentullo das súas cunetas e o mal estado da pasarela peonil da ponte, preto do cruce que une a igrexa parroquial co conxunto histórico. Este malestar dos veciños viuse agravado nos últimos días coincidindo co aumento da densidade de tráfico por esta estrada debido á afluencia de visitantes ao conxunto histórico-artístico e tamén pola proximidade da celebración da Romaría de Sargadelos, que terá lugar o próximo fin de semana.
“Hai que ter en conta de que é unha festa moi especial non só para os veciños de Sargadelos, se non tamén para moitas persoas do resto da comarca que tradicionalmente veñen aqui a pasar estes días de romaría. Nesta celebración hai moita xente implicada que leva varios anos traballando para relanzala e dende o Concello estamos a colaborar dentro das nosas posibilidades para que así sexa, e que o entorno privilexiado de Sargadelos se manteña nas mellores condicións non so durante a festa, se non tamén o resto do ano para que visitantes e mariñaos podan gozar del… Pero novamente atopámonos coa desidia e co pasotismo da Deputación, que unha vez máis fai gala da súa discriminación con veciños do Concello de Cervo e deixa que unha estrada da súa titularidade se asemelle máis a unha selva ca unha vía de comunicación” indicou Armada.
Facendo uso da ironía, Armada dixo que “tal vez, na última visita do presidente da Deputación ao noso municipio para reinaugurar as obras dunha estrada da súa competencia, debeu vir por Burela e non tivo a oportunidade de sufrir o mal estado da estrada ao seu paso por Sargadelos” e recomendoulle a Gómez Besteiro que “se por un casual, volve por aquí a reinaugurar de novo a mesma estrada, veña por Sargadelos e comprobe o seu estado de abandono”.