CERVO .- Edís da corporación de Cervo e representantes de colectivos locais particiapron onte nos actos de izado das bandeiras azuis da praia sancibrense da Caosa e do Ecomuseo de Cervo Terras de Azul Cobalto.
Nota de Prensa
CERVO IZOU ONTE AS SÚAS BANDEIRAS AZUIS CON SENLLOS ACTOS EN CERVO E SAN CIPRIÁN
* Nos actos estiveron presentes os edís da Corporación cervense encabezados polo seu alcalde Alfonso Villares Bermúdez e no que tamén asistiron representantes de colectivos locais
* O Ecomuseo de Cervo Terras de Azul Cobalto foi recoñecido por terceiro ano consecutivo cunha Bandeira Azul pola consolidación e posta e en valor do patrimonio cultural e paisaxístico do concello
* O areal sancibrense da Caosa obtivo esta distinción europea por cumprir os requisitos de calidade nas súas augas, nos servizos e na seguridade da súa zona e área de baño
Cervo, 27 de xullo de 2008- O Concello de Cervo procedeu onte a última hora da tarde ao izado das Bandeiras Azuis que a ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) concedeu nas pasadas datas, ao Ecomuseo Terras de Azul Cobalto e ao areal sancibrense da Caosa.
En senllos actos de izado estiveron presentes varios membros da corporación cervense encabezados polo seu alcalde Alfonso Villares Bermúdez e no que tamén asistiron representantes de asociacións e colectivos locais.
Desde o Executivo municipal recordaron que a bandeira azul conseguida polo Ecomuseo “Terras de Azul Cobalto” ven a recoñecerse o proxecto museístico posto en marcha polo Goberno municipal e, máis en concreto, a súa aposta pola preservación do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do concello.
CAOSA
No caso do areal sancibrense da Caosa, os responsables locais lembraron que se trata de recoñecer aquelas praias que cumpren con “rigorosos requisitos de calidade nas súas augas, nos servizos e na seguridade da súa zona e área de baño”, así como tamén “a realización de actividades de calidade e xestión ambiental”. A finalidade última do galardón concedido á praia da Caosa “resulta ser unha aposta clara polo desenvolvemento sostible do turismo e do conxunto do litoral”.
Pola súa banda o alcalde cervense salientou que o executivo local leva traballando dende hai anos para a consecución destes recoñecementos “e por iso, confiamos non só en poder revalidalos en vindeiras edicións, se non que tamén creemos que volveremos a recuperar a bandeira azul perdida este ano na praia do Torno” indicou.
MANTEMENTO
O rexedor local lembrou as dificultades ás que se tivo que enfrontar o Concello para ter en condicións os areais do municipio por mor do temporal de choivas torrenciais acaecidas a mediados de xuño “e que ocasionou o arrastre de materiais ás praias e nalgúns casos, coma na de Rueta, o derrubo dos seus accesos que aínda estar sen arranxar”. Así mesmo aproveitou para reiterar o seu agradecemento á Xunta de Galicia polo “esforzo económico” investido neste concello a través da contratación de persoal para levar adiante os traballos de acondicionamento e mantemento das praias do municipio, “cousa que non aconteceu nos catro anos nos que estivo o bipartito á fronte do Goberno autonómico” e agradeceron así mesmo a colaboración do Concello de Xove pola cesión de maquinaria para estas tarefas.
A LIMPEZA ACORDE COS CRITERIOS TÉCNICOS
Por último, o primeiro edil destacou que a limpeza que se está a facer nos areais do termino municipal axústase “escrupulosamente” aos criterios técnicos marcados pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), organismo europeo que outorga as bandeiras azuis da UE. “A existencia en ocasións de algas nas praias obedece a unha recomendación de ADEAC para que se evite na medida do posible a retirada das algas, xa que estas constitúen un compoñente natural do ecosistema mariño e a súa presencia contribúe a fixar a area e evitar a súa perda, ademais de seren beneficiosas para a vexetación, as aves e os crustáceos que as usan de alimento” reiterou o rexedor.