NOTA DE PRENSA
O Concello xestiona as instalacións sitas nesta urbanización que dispoñen dunha variada oferta deportiva
OS VECIÑOS DE CERVO XA GOZAN DA PISCINA AO AIRE LIBRE DE RIO COBO
* Como é habitual, a piscina olímpica municipal de Lieiro pechará en agosto o seu vaso por tarefas de mantemento, aínda que este ano coma novidade permanecerán abertos ao público o servizo de sauna e o ximnasio
Cervo, 29 de xullo de 2010.- Os veciños de Cervo teñen a oportunidade de facer uso das piscinas ao aire libre sitas na urbanización Rio Cobo. Así o explicaron desde a concellaría de Deportes que dirixe o edil Rubén Fernández.
Unha vez finalizados os traballos de limpeza, acondicionamento e reparación das instalacións -que este ano prolongáronse máis do habitual debido aos danos ocasionados polas choivas do pasado mes de xuño en distintas partes e infraestruturas deste recinto- o Concello de Cervo procedeu no día de onte a abrir este complexo deportivo. Ditas instalacións contan -como é preceptivo- con persoal municipal debidamente formado para labores de socorrismo e salvamento, e estarán abertas ao público de 15 a 20 horas, nun horario que se prolongará durante toda a temporada estival.
O recinto deportivo de Rio Cobo, que xestiona o Concello de Cervo tras a cesión efectuada polos veciños da urbanización, ademais de dúas piscinas (unha para adultos e outra para os rapaces) tamén dispón de pistas onde practicar deportes coma o tenis e o squash.
A piscina de Liero pecha en agosto, pero mantén aberto o ximnasio e a sauna
Como ven sendo habitual, a apertura destas instalacións deportivas e de lecer ao aire libre coincidirá co peche parcial das instalacións da piscina olímpica municipal de Lieiro para realizar nesta instalación as preceptivas tarefas de mantemento do seu vaso e da maquinaria. “A piscina de Lieiro pechará a partires do vindeiro luns e non se poderá facer uso dela para o baño durante todo o mes de agosto, sen embargo, e coma novidade este ano, si manteremos abertos outros servizos complementarios desta instalación coma o ximnasio e a sauna, aínda que con modificación nos seus horarios de apertura ao público” recalcou o edil de Deportes cervense.
Os horarios para o uso do ximnasio e da sauna da piscina olímpica municipal de Lieiro durante o mes de agosto serán os seguintes:
* De luns a Venres:
o De 10.00h a 13.00h e de 19.00h. a 22.00h.
* Sábados:
o De 10.00h. a 15.00h.