VIVEIRO .- Celebrouse no monte do Buio a rapa das bestas de Candaoso nunha xornada con tempo fresco, auga e néboa. Coma tódolos anos, procedeuse á baixada dos animais a primeira hora da mañá co posterior espectáculo de doma, marcado, rapa e loita de garañóns. A rapa das bestas de Candaoso está catalogada coma Festa de Interese Turístico Nacional. O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asistiu a rapa onde recibiu o diploma de Monteiro Maior da localidade de Viveiro da man de Carlos Martínez, secretario da comunidade de montes de San Andrés de Boimente.
REFERENCIA
Samuel Juárez foi investido como Monteiro Maior da localidade de Viveiro na festividade da Rapa das Bestas de Candaoso
Esta celebración está catalogada coma Festa de Interese Turístico Nacional e vai xa pola súa edición número 42
Viveiro, 4 de xullo de 2010.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asistiu hoxe en Viveiro á tradicional Rapa das Bestas de Candaoso, celebrada no Monte Buio e recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. Juárez estivo acompañado polo alcalde do municipio, Melchor Roel e outras autoridades.
Tras gozar do espectáculo da corta de greñas e marca das crías, coa súa posterior solta, Samuel Juárez recibiu o diploma de Monteiro Maior da localidade de Viveiro da man de Carlos Martínez, secretario da comunidade de montes de San Andrés de Boimente.
Festa de interese
A Rapa das Bestas de Candaoso, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, celebra este ano a súa XLII edición. Coma tódolos anos, procedeuse á baixada dos animais a primeira hora da mañá co posterior espectáculo de doma, marcado, rapa e loita de garañóns. Ademais, os visitantes puideron gozar da carreira equina e proba de burros.