RIBADEO (FNC) .- Arredor de 4.000 persoas pasaron esta fin de semana pola oficina de turismo de Ribadeo e polo punto de información de As Catedrais, segundo os datos facilitados hoxe polo alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que “xa por fin instalados nesta época estival con calor e con turismo no noso concello, e a xulgar polas cifras facilitadas tanto pola oficina de turismo de Ribadeo, como polo punto de información turística situado na praia de As Catedrais alentan que Ribadeo segue a ser un referente que vai a máis en materia de turismo. Podemos precisar que en tres días arredor de 4.000 persoas pediron información turística nestes dous puntos”. Fernando Suárez dixo que “ésta é unha tónica que se ven repetindo nos últimos anos e debemos destacar a presenza moi grande de turismo de cercanía, sobre todo de galegos e de asturianos aínda que en menor medida, e tamén recibimos visitas importantes doutros cidadáns do resto do Estado, andaluces, cataláns e madrileños e seguimos incrementando o número de xente do ámbito da Unión Europea, de franceses, moitos deles entran a través do porto deportivo, de alemáns que chegan a Ribadeo facendo o camiño norte e tamén hai unha destacada presenza de italianos”.
O alcalde seguiu a relatar que “polas cifras que teño aquí, na oficina de turismo foron atendidas unhas 3.150 persoas e no punto de información das Catedrais atendéronse unhas 750 persoas. A importante mellora que ano tras ano levamos a cabo na praia das Catedrais, grazas ao convenio asinado coa Deputación para o reforzo da limpeza, de cara a reforzar o socorrismo, o Concello está a alugar un ano máis un aparcamento moi grande para poder dar cabida á cantidade impresionante de vehículos que se achegan a esa praia e este ano se estrea un novo vial coa rotonda feita que da gusto ir por alí e tamén estreamos o servizo de bus praia… hai xente que aínda o está a coñecer. Son todos éstes uns servizos que fan que a praia de As Catedrais e tamén as outras como Esteiro e Os Castros-Illas tamén reciban a numerosos visitantes nestes meses”.
Para Suárez Barcia “o areal das Catedrais é o paradigma dunha praia que recibe a milleiros e milleiros de persoas de diferentes nacionalidades, é un orgullo para nós e ao mesmo tempo desde o punto de información turística se lles da información de Ribadeo, dos establecementos hostaleiros, hoteis… co fin de que retornen á vila outra vez”.