Nota de Prensa
Estas medidas impulsadas polo Partido Popular e anunciadas polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fomentarán ademais o emprego nun sector, o da construción, especialmente castigado na comarca polo desemprego e o parón inmobiliario
A SEGUNDA REBAIXA DE IMPOSTOS PARA A VIVENDA PROXECTADA POLO GOBERNO DA XUNTA BENEFICIARÁ A 6.000 MARIÑÁNS
* Os recortes fiscais favorecerán a rehabilitación, rebaixarán os costes hipotecarios e ademais lograrán diminuír o desembolso que unha familia debe facer a curto prazo para mercar unha vivenda, facilitando así o acceso á mesma.
* Balseiro lembra que o aforro medio na compra dunha vivenda será duns 2.000 euros e salienta que con estas medidas se contribuirá a compensar a suba do IVA imposta polo PSOE.
A Mariña, 30 de xullo de 2009.- A segunda rebaixa de impostos en materia de vivenda anunciada polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo beneficiará, segundo os cálculos que manexa o Partido Popular, a uns 6.000 veciños da Mariña lucense. As distintas medidas contidas no paqueta de rebaixa fiscal promovido pola actual Xunta, contemplan que todos os impostos que gravan a vivenda serán rebaixados entre o 25 e o 33% e tanto para a adquisición como para a rehabilitación de vivendas.
O deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol explicou que a Xunta renuncia a incrementar o imposto de transmisión patrimoniais, evitando a súa adaptación á suba do IVE, reducirá substancialmente o imposto de actos xurídicos documentados que grava distintos trámites na adquisición das vivendas (primando sobre todo a compra da primeira vivenda) e tamén reducirá os custes de formalización dos préstamos hipotecarios.Por último, a Xunta eximirá do pago do imposto de actos xurídicos documentados na súa totalidade a aquelas persoas que teñan unha hipoteca e queiran constituír unha nova cancelando a anterior, é dicir, que queiran cambiar de entidade financeira para aproveitarse de tipos de xuro ou condicións máis vantaxosas.
Todas estas rebaixas materializaranse unha vez que o Parlamento de Galicia dea o visto e prace ao proxecto de lei impulsado pola Xunta.
FOMENTARÁ O EMPREGO E A COMPRA DUNHA VIVENDA
Balseiro Orol quixo subliñar que a rebaixa fiscal para a vivenda fomentará o emprego nun sector especialmente castigado, na Mariña e no conxunto de España, polo desemprego e polo parón inmobiliario. Favorecerá tamén a rehabilitación, contribuirá a loitar contra a fraude fiscal e fomentará a competencia financeira rebaixando os custes de formalización das hipotecas. A idea –concluíu Balseiro- é lograr diminuír o desembolso que unha familia ten que facer a curto prazo para mercar unha vivenda, facilitando así o acceso á mesma.
Tamén, coa nova rebaixa fiscal, -explicou o deputado popular- “a Xunta está a darlle unha no lección ao Goberno central obsesionando con incrementar a carga fiscal aos cidadáns, en facernos, facerlles pagar a incapacidade do Executivo de Zapatero para xestionar a crise”. Balseiro lembrou que esta sería a segunda ocasión na que o Executivo que lidera Feijoo baixa dun xeito selectivo os impostos, despois de que no 2009, a anterior baixada sobre a vivenda tivera resultados moi positivos para os dous colectivos beneficiarios da mesma: familias numerosas e menores de 36 anos.
Finalmente, o deputado popular quixo destacar que esta rebaixa fiscal contribuirá a compensar e amortizar a suba do IVA imposta polo PSOE, e suporá segundo as estimacións que manexa a Consellería de Facenda un aforro medio na compra dunha vivenda duns 2.000 euros.