Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela envía á subdelegación do Goberno e á Xunta as reclamacións dos danos das chuvias e riadas

BURELA (FNC) .- O Concello enviará mañá á Subdelegación do Goberno o informe coas reclamacións presentadas por particulares, empresas e pola propia administración local tras os danos causados polas chuvias e as riadas do pasado 10 de xuño. O prazo de presentación da documentación diante do goberno central remata o vindeiro xoves.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “xa reunimos toda a documentación presentada polos veciños, polos comerciantes… derivada das riadas do 10 e do 11 de xuño. O prazo de presentación das reclamacións diante do Estado remata o xoves e nós agardaremos ata mañá para que todos os que queiran presentar máis peticións o poidan facer. No Concello recollemos ata o de agora unha veintena de solicitudes dos veciños”. O rexedor supón que “con toda a información que nos enviaron será suficiente, de todos os xeitos si houbese algún formalismo máis que lles soliciten desde a Subdelegación de Goberno agardamos que todo o mundo o poida aportar”.

Llano sinalou que “tamén lle imos remitir toda esta documentación de petición de axudas á Xunta. Acaban de establecer o prazo dun mes para presentala e imos agardar un pouquiño para envíala neste caso. No Consello seguimos a traballar e o que queremos é resolverlles os problemas aos afectados o antes posible”.

Exit mobile version