Nota de Prensa
Besteiro e Bao destacan o cumprimento do acordo de goberno da Deputación un ano antes do remate do 1º mandato
– O Presidente presentou “a segunda fase do cambio que non ten volta atrás”, e que pasa polas accións mancomunadas cos Concellos, a consolidación da administración electrónica, acadar o pacto polo campo e captar novos fondos europeos
– O Vicepresidente 1º asegura que “formamos un equipo con xogadores diferentes, pero cun proxecto común que fomos cumprindo”
– Os programas de cooperación aforran hoxe ós Concellos preto de 78 millóns de euros
– A Deputación, 1ª administración galega cun Plan Económico Financieiro, acada a estabilidade financieira un ano antes da vixencia do plan
– Besteiro e Bao destacan a relación sólida do equipo de goberno “é curioso porque dende a oposición sempre intentaron ir por este lado, pero deron en pedra e en ferro”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, presentaron este luns os novos retos para a Deputación 2011-2015 e fixeron balance do que foron estes tres primeiros anos de goberno provincial. Gómez Besteiro subliñou que “fixémolo todos os anos e este tamén nos tocaba cumprir. É o último antes dunha cita electoral que vai afectar tamén á Deputación. Será a segunda fase do cambio porque o cambio non ten volta atrás e tamén será unha realidade dentro dun ano”.
Os novos retos do organismo provincial para a conclusión deste mandato son 4. Neste senso, o Presidente destacou que “para iso nós imos seguir tendo como paraugas de proxeción o primeiro Plan Estratéxico da provincia. Ademais, tamén terán que someterse a manter a estabilidade económica desta Administración, xa que a de Lugo non só foi a primeira Deputación galega cun plan económico-financeiro para asegurar unhas contas saneadas e estables non momento de crise, senón que foi capaz un ano antes de que rematase a vixencia do plan acadar a estabilidade financiera”. Os novos retos son os seguintes:
1.- Máis políticas mancomunadas que aumenten a produtividade e competitividade da provincia. Gómez Besteiro sinalou que “imos seguir con estas políticas que nos deron moito éxito durante este mandato e farémolo da man dos Concellos, buscando que as sinerxias favorables que se producen cando os municipios traballan en conxunto coa Deputación se traduzan en resultados moitísimo máis positivos”. Como exemplos desta colaboración, o titular provincial sinalou a contratación conxunta do subministro eléctrico, a proposta novidosa da xunta central de compras para todos os municipios e a busca de aforro enerxético a través de infraestruturas máis alá do recibo da luz.
2.- Consolidar a administración electrónica, tendo como base o programa provincial Innova-TE, que, a pesar dos seus obxectivos extremadamente ambiciosos, vai en prazo. En xuño do 2011 estará concluída a fase actual. “O vindeiro ano será cando empece a dar un alto rendemento este servizo de cooperación que segue sendo unha liña de aforro moi importante para os Concellos, e que nos permitirá dar o salto a traballar en rede, a asignatura pendente desta provincia”.
3.- Acadar o Pacto polo Campo, que inclúe un conxunto de iniciativas como: o centro de recría de gando na Granxa Gayoso Castro a pleno rendemento, contribuíndo a fixar poboación e frear o saldo demográfico negativo; seguir facendo do medio ambiente unha oportunidade económica con programas como Km0, que mantén 3.000 postos de traballo directos ou indirectos; ou apoiar a industrias de productos autóctonos cono foi o caso das castaña con Alibós.
“O campo ten que estar presente na axenda diaria de todas as administracións e a Deputación seguirá liderando esa idea. O futuro da provincia vai da man do medio rural”, apuntou Besteiro.
4.- Captar novos fondos europeos. O organismo provincial reorientou as políticas da Deputación conseguindo en só 3 anos máis de 20 millóns de euros de Europa. “Acábase a axenda de programación de fondos europeos pero queremos volver a ser ambiciosos para os próximos catro anos”.
Contador das débedas históricas a 0 e cumprido o 98% do programa
Gómez Besteiro subliñou que en tan só tres anos, a Deputación cumpriu o 98% do programa de goberno. Dos 11 puntos que se marcaron en xullo de 2007, dez deles están feitos. Eran os seguintes: impulsar a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial, de xeito que hoxe SUPLUSA traballa non só en clave de polígonos senón tamén en dotacións sociais con retorno económico; promover a comparecencia reglada dos Presidentes das Deputacións no Parlamento Galego, “isto é unha realidade cada mes de novembro. É unha tradición que o Presidente vaia ó Parlamento a explicarlle que é o que quere facer, algo tan normal pero que era extraordinario hai tres anos”; coordinar políticas coa Xunta de Galicia nos ámbitos nos que a Comunidade Autónoma é titular de competencias, de tal xeito que se pasou de ser a única Deputación española que aínda mantiña hospitais a iniciar o proceso histórico de traspaso ó SERGAS e de ser a única provincia galega sen bombeiros a poñer en marcha o consorcio provincial de extinción de incendios; establecer como prioridade da Deputación a cooperación e asistencia ós Concellos con baremos obxectivos e impulsando as accións mancomunadas. Na actualidade, os programas de cooperación aforran ós Concellos preto de 78 millóns de euros.
Outros puntos cumpridos do acordo son: iniciar o proceso de compensación ós Concellos afectados polo canon enerxético, asunto no que a Deputación xa investiu 11 millóns de euros de acordo cos municipios afectados; e impulsar unha nova política de selección de persoal; respectar o Plano Xeral de Normalización Lingüística e cumprir coa Lei de Normalización Lingüística. O único punto que non está cumprido é o referente á elaboración dun novo Regulamento Orgánico da Institución. A este respecto, Gómez Besteiro subliñou que “se está traballando e intentarémolo levar ó Pleno de xullo, a menos que os trámites administrativos non o permitan. En calquera caso, non pasará do mes de setembro”.
Impulso á cultura e ó deporte de base
O Vicepresidente Primeiro destacou que durante estes tres anos houbo 2613 solicitudes de subvencións para asociacións culturais e deportivas que recibiron en concorrencia competitiva 11.118.325 euros, para que o tecido asociativo cultural e deportivo puidesen desenvolver as súas actividades. Asimesmo, patrocináronse directamente máis de 2000 eventos deportivos e fixéronse obras en instalacións con máis de 26 intervencións cun importe total neste apartado de 12.721.000 euros. Neste senso, Bao anunciou que Lugo vai contar co primeiro módulo de pista de atletismo cuberta cun importante, ó tempo que subliñou a apertura ideolóxica e tamén física no acceso ás instalacións a todas as persoas, de tal xeito que o Pazo dos Deportes conta hoxe cun 95% de ocupación sendo utilizado por un maior número de asociacións e colectivos.
No eido cultural, destacou proxectos como Buxiganga-proxecto de potenciación do teatro afeccionado lucense cun notable éxito e que se converteu nunha referencia como demostra o interese que está a suscitar este modelo noutros ámbitos, estando presente na próxima mostra de teatro de Ribadavia. Durante estes tres anos tamén se reactivou a Rede Museística Provincial no que houbo 82 exposicións con máis de 168.000 visitantes. Por primeira vez, un plan director de turismo para actuar con programación, iniciativas e proxectos segundo unhas directrices a prol da dinamización turística en toda a provincia.
Outro dos logros desta Deputación e que supuxo saldar unha débeda histórica con esta provincia foi a creación do centro asociado da UNED en Lugo, que hoxe conta con 1400 matriculados.
Relación sólida no goberno
Tanto o Presidente como o Vicepresidente Primeiro deixaron clara a solidez da relación do equipo de goberno. Neste senso, Gómez Besteiro indicou que “nunca negamos o evidente: que eramos dúas forzas políticas distintas. Dende o primeiro momento non nos obsesionamos con intentar evitar, desculpar os disfrazar esta cuestión. A partir de aí, durante estes tres anos chegamos a un acordo no que realmente é importante, e hoxe a relación é sólida, extraordinaria e frutífera para a provincia. É curioso porque dende a oposición sempre intentaron ir por este lado, pero deron en pedra e en ferro”. Pola súa banda, Bao matizou: “dende a chegada ó goberno en 2007, conformamos un equipo con xogadores diferentes, con características diferentes, pero que se comporta como un colectivo, un equipo. Somos un conxunto biunívoco que ó final ten un momento de contacto para facer un traballo conxunto. Isto é do que se trataba”.