Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura 0 BNG de Xove que responde ás críticas do PP con máis traballo e humildade

NOTA DE PRENSA

O BNG de Xove responde ás críticas do PP con máis traballo e humildade

Marco López, responsábel local do BNG de Xove, lembrou onte que resulta cando menos “curioso” que o PP os acuse de entorpecer a acción de goberno. O responsábel local cualificou estas declaracións dos populares de “esquizofrénicas” debido a que, desde o comezo da lexislatura, o grupo municipal do Bloque non votou nin unha soa vez en contra das mocións que se presentaron, viñeran do partido político que viñeran, cando se propoñían investimentos beneficiosos para a toda veciñanza.

Sen embargo “no PP non poden dicir o mesmo”, aseguraron desde o BNG. Marco advertiu que a obsesión dos populares por seguir as directrices do partido antes que levar adiante o mandato que lles encomendou o pobo xovense, fixo que votaran en contra da meirande parte das medidas promotoras de emprego e benestar presentadas polo Bloque.

“Debemos ser a única formación política da Mariña que, segundo o PP, non apoiamos as mocións; pero por algunha estraña razón que non conseguen explicar, nunca votamos en contra”, razoou Marco López. “O único que pretenden é agochar a ineficacia da súa xestión fuxindo cara adiante”, dixo o cargo orgánico do Bloque.

Marco indicou que o feito de que o PP nunca dea o seu apoio ás iniciativas que benefician a toda a cidadanía de Xove vén acontecendo de un ano para acó. López asegurou que antes, tal e como se pode comprobar nas actas plenarias, o equipo de goberno sempre votaba “si” a todas as mocións que presentaba o BNG. É de xustiza lembrar que, desde o PP, por boca do seu portavoz no Pleno, dicíase entón que eran propostas boas para o pobo e que estaban de acordo en todo o que se expoñía. Pero mudaron o seu discurso de súpeto e comezaron a votar “non” simplemente porque así llelo indicaron no seu partido. “Trátase da confrontación pola confrontación”, manifestaron desde o Bloque.

Os nacionalistas xovenses pensan que este cambio radical na actitude do PP se debe ao estrés que lles produce a proximidade das eleccións municipais, pero tamén mostraron a súa preocupación a respecto desta postura irresponsábel dos populares porque “quen perde é Xove”.

Desde o BNG confirmaron finalmente que eles seguirán secundando todas as propostas que beneficien os xovenses. Aínda que tamén advertiron que, cando se trabuque o equipo de goberno, “habemos demandar a súa rectificación tal e como vimos facendo”.

Exit mobile version