LUGO .- A Consellería do Medio Rural investiu un total de 844.870 euros nos convenios de tratamentos silvícolas preventivos que se están a desenvolver en diversas zonas de toda a provincia. Nas zonas da Mariña lucense, Terra Chá e A Montaña, en Alfoz están dispostas para ser tratadas unhas 130 hectáreas de monte, cun orzamento de 16.900 euros
Nota de Prensa
MEDIO RURAL DESTINOU 844.870 EUROS AOS CONVENIOS DE TRATAMENTOS PREVENTIVOS EN MONTES DE 62 CONCELLOS LUCENSES
* A subvención da Xunta, que se incrementou en máis de 80.000 euros con respecto ao exercicio anterior, facilita a aplicación de tratamentos silvícolas nun 10% máis de monte que en tempadas precedentes
Lugo, 14 de xullo de 2010.- A Consellería do Medio Rural investiu un total de 844.870 euros, case un 12% máis que o ano pasado (increméntase en 85.410 euros) nos convenios de tratamentos silvícolas preventivos que se están a desenvolver en diversas zonas de toda a provincia. Tamén se verá incrementada a superficie tratada, que no presente exercicio ascende de 5.842 a 6.499 hectáreas.
Estes convenios xa están en plena execución e, na maioría dos casos, supoñen unha ampliación dos que o Executivo galego firmara cos concellos en anos anteriores. A súa adxudicación permite aos municipios levar a cabo tratamentos silvícolas e realizar tarefas de limpeza nos montes para a prevención de incendios.
En base a estas axudas, estanse realizando xa traballos de acondicionamento e limpeza de montes en 62 concellos lucenses, dous máis que na tempada precedente. Esta liña de subvencións, complementaria as actuacións que Medio Rural leva a cabo durante todo o ano, forma parte do programa de ordenación de explotacións forestais e ten como finalidade a limpeza dos montes e a prevención de incendios.
Os convenios de tratamentos preventivos dan cobertura a zonas de toda a provincia e, segundo cálculos de Medio Rural, darán traballo a unhas 150 persoas. Así, por exemplo, entre os concellos que se benefician destas axudas cabe destacar os de Monterroso e Sarria, onde se están a investir 22.750 e 13.000 euros respectivamente. Deste xeito, nestes municipios practicamente se duplican as axudas recibidas no ano 2009.
Polo que respecta ás zonas da Mariña lucense, Terra Chá e A Montaña, en Alfoz están dispostas para ser tratadas unhas 130 hectáreas de monte, cun orzamento de 16.900 euros, e nos concellos de A Fonsagrada, Vilalba e Cospeito o investimento supera os 25.000 euros e dará cobertura a unhas 200 hectáreas en cada caso.
No caso da zona Sur, en Monforte e Chantada aumenta tamén tanto a superficie como o montante investido nestes traballos. Así, no municipio monfortino pásase de 11.700 a 16.900 euros e de 102,4 a 130 hectáreas, e en Chantada o incremento é incluso maior (de 7.800 a 15.600 euros e de 60 a 120 hectáreas).