Site icon Crónica3.com A Mariña

Agrupacións teatrais da Mariña participan nun curso de técnicas interpretativas en Burela

BURELA .- A Área de Cultura, dependente de Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, segue coas accións formativas do proxecto teatral Buxiganga, nesta ocasión cun curso adicado as técnicas interpretativas que se está a desenvolver no Auditorio da Casa da Cultura de Burela, impartido polos profesores Paloma Lugilde, Ester Pedrouzo e Alberte Cabarcos. Este curso completou as prazas ofertadas debido a que os actores e actrices de cinco grupos de teatro da Mariña se implicaron moi activamente co propósito de sacar proveito desta acción formativa.

O curso divídese en tres apartados cadanseu impartido por cada docente.Paloma Lugilde encargarase de traballar cos actores e actrices da Mariña o Corpo e a Voz. Nos seguintes días os alumnos adentraranse da man de Alberte Cabarcos, no mundo da Comedia da Arte, asi como no da Interpretación con Esther Pedrouzo.

O curso celébrase todos os sábados de xullo e setembro en horario de 09:00 a 14:00 horas. Recordamos que na Mariña existe unha gran tradición teatral que ven respaldada polo gran número de compañías afeccionadas existentes. Case a metade dos grupos de teatro que participan en Buxiganga son da Mariña (sete de dezaseis en total), e estes grupos realizan, grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación, un total de 40 actuacións por diferentes concellos lucenses. Os grupos de teatro da Mariña dentro do proxecto Buxiganga son: A Adala, Axóuxere e Batán de Foz, Ardora de San Cibrao, o Bordelo de Cervo, Raiolas de Alfoz e TeatroCrea de Viveiro. Ademais, os concellos tamén se benefician deste programa ao acoller diferentes concellos mariñaos un total de 25 actuacións teatrais subvencionadas pola Área de Cultura da Deputación.

Ademais deste curso haberá outros como o de pedagoxía teatral, monicreques e dirección, así como outra edición deste mesmo curso en Antas de Ulla.

Exit mobile version