Site icon Crónica3.com A Mariña

O comercio de Ribadeo continúa a campaña de captación de socios para aumentar os 165 actuais

RIBADEO (FNC) .- ACISA/CCA conta xa con 165 socios, segundo os datos dados a coñecer hoxe por Beatriz Irigoyen, xerente do Centro Comercial Aberto. Nas últimas semanas foron quince os establecementos que decidiron asociarse, polo que a nova directiva móstrase moi satisfeita.

Irigoyen sinalou que “estamos moi contentos, porque a pesar dos tempos que corren, que están sendo moi duros, en Ribadeo estamos comprobando que se abren novos negocios. houbo algún peche, pero a proporción de aperturas é maior que a de peches. Entre isto e o cambio na directiva de ACISA/CCA, onde todos estamos moi involucrados, nestas últimas semanas rexistramos 15 novos socios e situámonos xa en 165”.

A xerente do Centro Comercial Aberto destacou que “seguimos crecendo e agradecemos a todos os socios que nos apoian e aos que entraron novos que estean ao noso lado porque queremos contar con todo o mundo neste novo proxecto. Cremos que o futuro do pequeno comercio e da hostalería está na unión”. Beatriz Irigoyen animou “aos hostaleiros a que se poñan en contacto connosco, porque temos un proxecto para este sector moi importante, ambicioso e novo coa idea de atraer a clientela durante todo o ano a Ribadeo e non só en tempadas altas. Seguimos apoiando ao comercio e contamos co apoio do Concello, da Federación Galega de Comercio e da Xunta de Galicia”.

Desde onte 1 de xullo e ata o 15 de setembro o horario de atención da oficina de ACISA/CCA será de oito da mañá a tres da tarde.

Rebaixas”
Os ribadenses gozan dos primeiros días das rebaixas. Segundo a xerencia do CCA ?as expectativas son boas porque Ribadeo agora incrementa o número de visitantes. Os turistas aproveitan para ir de compras porque saben que ademais o noso comercio é de moi alta calidade”. Beatriz Irigoyen manifestou que “as vendas empezaron moi ben en maio porque fixo moi bo tempo, pero en xuño resentíronse moito. A pesar da subida do IVE o comercio non o notará coma se fose outra época. Temos unhas expectativas moi altas nestas rebaixas de verán e os comerciantes están dispostos a sacar os seus mellores produtos aos mellores prezos”.

O período de rebaixas establecido pola Xunta vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, aínda que os establecementos poderán facelas como máximo durante dous meses. A xerente do Centro Comercial Aberto recordou que “os produtos deben ser expostos ao público co prezo anterior e o actual para véxase a diferenza, os clientes teñen dereito a pagar con cartón, a forma de facer as devolucións ten que estar perfectamente indicada nas tendas? Nós desde a asociación sabemos que os nosos asociados cumpren con todos os parámetros e que non haberá problemas”.

Exit mobile version