A XUNTA INVISTE PRETO DE 220.000 EUROS NA CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA ÁREA DE ESTACIONAMENTO DE BUSES NO CONCELLO DE BARREIROS
§ A nova instalación situarase na rúa da Villa, nun tramo N-635, estrada que une a cidade de San Sebastián e Santiago de Compostela
§ Este tipo de espazos configúranse como infraestruturas análogas ás estacións de autobuses nos concellos en que pola súa dimensión ou configuración urbana non é adecuada a construción dunha estación
§ O obxectivo será mellorar as condicións de transporte para repercutir na mellora da ordenación do tráfico do transporte público, xa que se centralizará nun único lugar tanto as chegadas como as saídas dos autobuses
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello lugués de Barreiros para levar a cabo a construción dunha nova área de estacionamento de autobuses. A consellería, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, realizará unha achega de preto de 220.000 euros.
A nova instalación situarase na rúa Villa do concello de Barreiros, nun tramo da N-635, polo que dará servizo tamén aos viaxeiros de transporte público por estrada. A instalación estará formada por unha marquesiña de aceiro inoxidable de 20 metros de lonxitude, mentres que a plataforma actual servirá como lugar de espera aos viaxeiros. Para o estacionamento de autobuses empregarase a zona de aparcamento existente. Ademais, instalaranse papeleiras, bancos e procederase á posta a punto dunha iluminación adecuada.
Este tipo de espazos configúranse como infraestruturas análogas ás estacións de autobuses nos concellos en que, tanto pola súa dimensión como pola súa configuración urbana, non resultaría viable levalas a cabo. Esta actuación beneficiará aos preto de 2.250 veciños de Barreiros.
A Xunta de Galicia, ao longo dos últimos anos, acometeu diversos plans de construción de estacións de autobuses de diversos niveis, atendendo ás necesidades e demandas específicas que cada entidade de poboación demandaba. Na actualidade, é preciso continuar coa liña de creación de elementos dotacionais do transporte de viaxeiros. Nalgúns casos, non é necesario crear novas áreas de estacionamento, senón que tan só é preciso dotar a estación de novas instalacións que faciliten a penetración urbana ao transporte.
Obrigas da Consellería e do Concello de Barreiros
A Consellería de Medio Ambiente terá o deber de financiar a totalidade das obras así como licitalas, ademais de asumir a dirección da obra. Pola súa parte, o Concello de Barreiros deberá poñer á disposición da consellería os terreos libres de cargas e gravames necesarios para a execución das obras, así como asumir o mantemento e a conservación das obras unha vez rematadas.
Para o seguimento do cumprimento das condicións establecidas no convenio, establecerase unha comisión de coordinación formada polo director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, por un técnico da consellería, polo alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente, e por un funcionario do concello. A vixencia do convenio será ata o 31 de decembro de 2010, sen prexuízo de prorrogar o dito período en virtude dunha causa xustificada.