Lete Lasa tivo a oportunidade de comprobar a mellora nas instalacións do estadio de fútbol Anxo Carro no que se levaron a cabo diversas obras para a creación dunha zona de adestramento de herba artificial detrás da portería norte do estadio, a instalación dun novo marcador electrónico inalámbrico, traballos de rexeneración do terreo de xogo mediante a técnica do picado para que osixenen as raíces do céspede, e a reparación do alumeado das torres. Debido ao temporal que sufriu Lugo hai unhas semanas e que causou importantes danos no transformador eléctrico e nas celas do campo, José Ramón Lete Lasa anunciou a tramitación dunha partida económica para arranxar tamén estes estragos.
Durante a súa visita ao concello de Lourenzá, galardoado recentemente como o mellor concello na promoción da actividade física e o deporte na “Gala do Deporte”, Lete Lasa comprobou o resultado final dos traballos de adecuación do vaso da piscina municipal para adaptala á normativa vixente, para o que a Secretaría Xeral para o Deporte investiu máis de 55.000 euros. Lete Lasa anunciou tamén o compromiso do seu departamento de asumir o custo da construción dun campo de fútbol nesta vila mediante a firma dun convenio entre a Secretaría Xeral e o Concello.
Finalmente, ao mediodía, visitou o aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei, onde terá lugar o “V Criterium Aeronáutico Galicia 2010” organizado polo Real Aeroclube de Lugo. Este certame celebrarase os días 23, 24 e 25 deste mes e inclúe a XXVII Volta Aérea a Galicia/Volta Aérea Galaico-Duriense; así como mostras de voo acrobático, voo de planadores, aeromodelismo, ULM, paramotor e contará tamén coa presenza dun avión de transporte militar.