CERVO .- O rexedor do Concello de Cervo, Alfonso Villares, asegura que agradece a axuda económica de 26.066,34 euros da Xunta de Galicia para levar adiante a programación de “Enredos de Verán”
Nota de Prensa
EDUCACIÓN CONCÉDELLE AO CONCELLO UNHA AXUDA DE 26.000 EUROS PARA OS “ENREDOS DE VERÁN”
Cervo, 10 de xullo de 2010.- A Consellería de Educación da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello unha axuda económica de 26.066,34 euros para sufragar o custe das actividades lúdico-educativas do programa “Enredos de Verán”, posto en marcha esta semana a través das concellerías de Educación, Cultura e Xuventude e que se van desenvolver ao longo de todo o verán.
Boa acollida
O rexedor, Alfonso Villares, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para levar adiante esta programación gratuíta dirixida aos nenos de 4 a 12 anos durante os meses de xullo e agosto e sinalou que a acollida por parte dos rapaces e dos seus pais está sendo moi satisfactoria. ”Segundo os encargados de desenvolver o programa, hai actividades nas que existe lista de espera para participar e para que ningún neno quedara fora decidimos que tódolos venres as actividades sexan abertas a todos sen excepción” recordou Villares.
Os “Enredos de Verán” son de carácter gratuíto e desenvólvense de luns a venres en horario de mañá (de 11.00 a 13.00 horas). Van dirixidos a nenos e nenas nacidos entre os anos 1998 e 2006 que estean a pasar o verán en Cervo e San Cibrao, e entre a programación deseñada figuran actividades coma xogos inchables, obradoiros de pintura, pesca, fotografía dixital, xogos tradicionais e na praia, sendeirismo, xincanas, castelos de area, multideporte, manualidades, festa do entroido, etc…