Site icon Crónica3.com A Mariña

A verdade sobre a residencia de Viveiro

Resulta francamente sorprendente observar como un alcalde, que debera ser o primeiro en traballar pola defensa dos intereses dos seus veciños, se converte, como no caso do rexedor viveirense Melchor Roel, en todo o contrario: unha rémora para o seu concello e para o conxunto da comarca. Esta imaxe adquire especial relevancia despois de que a secretaria xeral de Familia e Benestar da Xunta, Susana López Abella, confirmase en sede parlamentaria que Melchor Roel atrasou durante  catro meses os trámites previos á apertura da residencia de persoas maiores de Viveiro.

É inaceptable desde calquera punto de vista que, as preto de 150 persoas anciás e dependentes que poderán beneficiarse dunha praza de residencia e as 50 familias cuxos maiores poderán facer uso do centro de día, se viran privadas deste servizo de benestar porque Melchor Roel decidiu converter a súa Alcaldía nun  instrumento de confrontación e loita partidista.

O que de verdade lle molesta ao alcalde socialista é que sexa un Goberno do PPdeG quen poña en servizo a prometida e tan necesaria residencia de persoais maiores de Viveiro, ao igual que o fixo no seu día en Burela. Non asimilan que sexa un Goberno popular o que dote con persoal, tecnoloxía e materiais este cento, que sexa a o Goberno que lidera Feijoo a que faga realidade o que o bipartito foi incapaz de levar adiante, salvo na publicidade e  propaganda, neso si, PSOE e BNG foron expertos.

Baixo a aparente defensa da transparencia no proceso de selección de persoal da residencia e da concertación pública das súas prazas, Melchor Roel foi o único  dos tres alcaldes galegos de concellos con centros a piques de abrir (Vimianzo Ourense e Monforte) que obstaculizou este proceso durante catro longos meses. Ningún dos argumentos que empregou era certo. Disfrazado dun fin aparentemente positivo, se escondía simplemente un alcalde obstruccionista, que tan só buscaba facer dano político adiando a entrada en servizo da residencia.

Así se demostra no convenio que finalmente vén de asinar o Concello de Viveiro coa empresa titular da residencia, a Sociedade Galega de Servizos Sociais (SOGASERSO) por certo,  entidade sen ánimo de lucro participada polas caixas de aforro galegas. No convenio establécese literalmente “ambas partes consideran que os criterios de selección para a contratación de postos de traballo que emprega habitualmente SOGASERSO cumpren o obxectivo de transparencia que esixe o Concello”, polo tanto, Roel non ten más remedio que recoñecer que se equivocou. Así como  tamén cómpre lembrar, que desde o primeiro día a Xunta garantiu que o 100% das prazas nas residencias pendentes de apertura serían sostidas con fondos públicos.

Roel foi un obstáculo para os seus veciños, como o está a ser agora no restablecemento dos servizos aos usuarios do Porto Deportivo que o seu Goberno  municipal foi incapaz de garantir. E cando un alcalde se converte no problema, e non no medio para achegar solucións, é a mellor mostra do esgotamento do seu proxecto. Agora só hai que pedir que rectifique nesta estratexia, entre en razón, e deixe de facer dano aos intereses dos viveirenses e do conxunto da comarca.

Exit mobile version