A MARIÑA .- O festival da asociación cultural O Milleiro en Ourol, a Foliada de Xove e o XI Festival Aires do Masma en Foz son algunhas das actividades que se celebraron este sábado co apoio a Área de Cultura da Deputación que dirixe o nacionalista Antonio Veiga. O obxectivo primordial da Área de Cultura ao dar apoio a estas actividades é manter viva a tradición folclórica galega e promocionar aos grupos e asociacións que traballan pola súa posta en valor, segundo asegura.
Nota de Prensa
O DELEGADO DE CULTURA DA DEPUTACIÓN ASISTIU A ALGÚNS FESTIVAIS TRADICIONAIS QUE SE CELEBRARON HOXE NA MARIÑA
O festival da asociación cultural O Milleiro en Ourol, a Foliada de Xove e o XI Festival Aires do Masma en Foz son algunhas das actividades que se celebraron este sábado e que apoia a Área de Cultura da Deputación
A MARIÑA, 17 de xullo de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tarde varios concellos mariñaos nos que se celebraron festivais coa tradición como protagonista: o festival da asociación cultural O Milleiro en Ourol, onde tamén actuou pola mañá a banda de música de Viveiro, a Foliada de Xove e o XI Festival Aires do Masma en Foz.
O obxectivo primordial da Área de Cultura ao dar apoio a estas actividades é manter viva a tradición folclórica galega e promocionar aos grupos e asociacións que traballan pola súa posta en valor organizando festivais folclóricos que contribúan á recuperación de músicas, cantos e bailes, e á difusión da cultura galega. Antonio Veiga realizou estas visitas co ánimo de comprobar o éxito que teñen estes eventos, e felicitou ás organizacións e participantes polo bo traballo que están a facer.
A asociación cultural O Milleiro de Ourol, con pouco máis dun ano de vida trala súa presentación, está a colaborar activamente na vida cultural da zona con actividades como a organización deste festival tradicional. En Xove celébrase a VI Foliada da Mariña, comezando pola mañá e con varias actividades ao longo do día ao igual que outros anos. O XI Festival Aires do Masma tivo lugar ás 22:00 horas en Foz, e este ano participaron o grupo Coros e Danzas do Real Grupo Cultural Covadonga de Xixón e a Asociación Música e Folclore de Magallón (Zaragoza), ademais da asociación Folclórico-Cultural a Subela de Foz que organiza o evento tódolos anos durante as festas patronais en honor á virxe do Carme.