Site icon Crónica3.com A Mariña

A “Olivetti”

Cada vez que botamos unha ollada retrospectiva á historia local atopamos episodios que o paso do tempo os converten en feitos que hoxe nos parecen insólitos ou cando menos sorprendentes. Polo ano 1935 era alcalde de Foz Cándido Eijo Maseda . Na sesión do pleno da Corporación Municipal celebrado o 7 de febreiro do devandito ano tratouse, entre outros asuntos, o referido á adquisición dunha máquina de escribir que ó parecer tiña ofertada a casa Hispano Olivetti. O señor alcalde diu conta ós compañeiros da Corporación de que xa se recibira, enviada pola firma suministradora, a tapa e a base ou tabuleiro da máquina que faltaban e que se tiñan reclamado, completándose así a súa presentación e funcionalidade, polo que procedía aceptar en firme a proposición feita por dita Casa da venta dunha máquina Hispano Olivetti, modelo M. Hog, da súa fabricación; aparello que tiña un custo de 1789 pesetas ( 10,71 € ), cantidade que o vendedor aceptaba recibir en tres prazos: o primeiro de 500 pesetas ( 3 € ) o día 12 de febreiro de 1934, o segundo de 500 pesetas ( 3 €) ó ano seguinte e o terceiro, o resto, 789 pesetas ( 4,72 € ) o día12 de febreiro de 1936. Os membros da Corporación, despois de sopesar e debater tódalas consideracións do caso, por unanimidade acordan a adquisición definitiva da máquina de referencia, nas condicións expresadas, e aproba o pago do primeiro prazo, xa verificado. As cifras que se barallan nesta operación hoxendía poderían parecer irrisorias; pero para valoralas na súa xusta medida convén aportar algún dato tan elemental como significativo:  por exemplo, que o presuposto do concello para aquel ano 1935 era de 83.000 pesetas ( 497 €), e o custo da máquina era igual ó importe total que por Dereitos e Taxas ía a ingresar o concello naquel exercicio. Para percatarse do que aquela inversión entón significaba baste decir que o xornal dun obreiro, no pleno da Corporación do día 6 de decembro de 1934, fixárase en 5 pesetas diarias (3 céntimos de euro); é decir que este traballador necesitaría a paga de todo o ano para facerse coa “Olivetti”…
SusoFernández

Exit mobile version