As fotografías de ‘Nicaragua: unha realidade viva’ permanecerán no salón de actos da Casa Consistorial de Xove ata o vindeiro 9 de agosto. A exposición, con entrada de balde, abre polas tardes de luns a domingo, en horario de 17 a 22 horas. No espazo habilitarase asemade un punto de información sobre o Fondo Galego de Cooperación, onde os visitantes poderán consultar as diversas publicacións editadas pola entidade municipalista.
Eduardo J. Castro, que ten exposto en diferentes cidades españolas e estranxeiras, conviviu cos voluntarios e voluntarias e mais co pobo nicaraguano durante o tempo do proxecto que amosa. O resultado son máis de 50 imaxes, tanto en cor como en branco e negro, que reflicten dun xeito sutil e artístico non só as actividades realizadas pola ONGD, senón tamén a problemática sanitaria e social dos mergulladores e mais a cultura e a sociedade do país centroamericano. Deste xeito, a mostra divídese en tres bloques para dar a coñecer a situación que se está a vivir en Nicaragua.
As xentes e o día a día do seu traballo e das súas vidas centran un dos apartados, tentando xerar unha sensación de empatía e proximidade no espectador. Outra sección plasma o traballo de Solidariedade Galega no departamento de Nueva Segovia, ao norte do país, que consistiu na elaboración dun programa de capacitación no eido da sanidade. Os destinatarios eran médicos, enfermeiras, parteiras e a rede conformada por brigadistas da saúde, bombeiros, policía e exército. Formouse a grupos de cada comunidade e aportáronse os medios necesarios para que eles trasladen á súa vez eses coñecementos a outros profesionais. Os mergulladores de Puerto Cabezas protagonizan a terceira parte da exposición, na que se explica a problemática destes traballadores. Ao careceren da formación e instrumentos axeitados para somerxérense, a pesca da lagosta mediante o mergullo autónomo condúceos a enfermidades con graves secuelas (paraplexías, tetraplexías) ou mesmo directamente á morte.
As administracións locais e provinciais asociadas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dispoñen en exclusiva da mostra fotográfica ‘Nicaragua: unha realidade viva’ antes de que pase a algúns dos museos e salas de exposicións máis recoñecidas de Galicia. Trátase de achegar en primicia á poboación daquelas vilas que contribúen á cooperación internacional as realidades que os seus esforzos axudan a mellorar.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 125 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.