Máis de 8.300 persoas visitaron o Barco Muralla de Lugo dende a súa posta en marcha
– Logo de estar presente na XVI Feira da Canteira, Callos e Artesanía de Parga e no Arde Lucus trasladarase a Foz, coincidindo coas Festas do Carmen
– Estará situado na praza do Cenima, onde permanecerá ata o 17 de xullo para logo continuar o percorrido como “stand” da provincia noutras feiras e festas, contribuíndo á promoción da provincia
Un total de 8.350 persoas coñeceron o Barco Muralla de Lugo dende a súa posta en marcha o 23 de xuño. Desta cantidade, 6.000 visitárono durante o Arde Lucus e 2.350 durante a XVI Feira da Canteira, Callos e Artesanía de Parga, localidade na que permaneceu ata o 11 de xullo. Precisamente, un grupo da asociación luguesa Alume achegouse en días pasados ata a localidade guitiricense, así como veciños de Concellos limítrofes. Asimesmo, os propios vendedores da feira tampouco quixeron perder a oportunidade de coñecer a embarcación, única en España, coa que o organismo provincial pon en valor a costa lucense, a promoción económica da riqueza medioambiental da provincia e o Monumento bimilenario.
Rematada a súa estancia en Parga, a Deputación traslada a embarcación a Foz, localidade na que foi inaugurada e apadriñada polo Secretario de Estado do Ministerio de Política Territorial Gaspar Zarrías. Aquí permanecerá, coincidindo coas Festas do Carmen, dende o 14 ó 17 de xullo.
Estará situado na praza do Cenima e o horario de atención ó público será de 11:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas. Deste xeito, a aula turístico-medioambiental, continúa “surcando” as estradas da provincia para estar presente como “stand” da provincia noutras feiras e festas, contribuíndo á comercialización dos produtos autóctonos lucenses.
Asesoramento empresarial e didáctico
A embarcación inclúese dentro da liña de actuación do programa Lug02, dotada con 950.000 euros e co-financiada ó 70% pola Unión Europea e engádese ás tres Aulas da Natureza que o organismo provincial está a poñer en marcha en Folgoso do Courel, Guitiriz e Fonsagrada dentro do programa medioambiental.
A embarcación foi construída por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro. Está totalmente ambientada como os barcos mariñanos e as súas cores son vermello e azul marino, seguindo a simboloxía heráldica da Deputación, e verde, segundo as cores de Lug02 e do medio natural.
O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que de forma total e gratuíta doaron as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro, ós que se lles adica unha praca de agradecemento. Durante o seu percorrido pola xeografía española, distribuiranse 10.000 dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.
O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes cedidas pola asociación “Terra de Viveiro”, e entre as que destaca a fotografía máis antiga que se conserva do porto viveirense.