LUGO .- A Xunta de Goberno deste venres aproubou a adxudicación provisional da redacción e desenvolvemento dun proxecto de I+D+I destinado a mellorar a calidade dalgún produto alimentario autóctono do ámbito de actuación do programa europeo Lug02
Nota de Prensa
A Deputación mellorará a calidade do grelo da provincia a través dunha iniciativa pioneira en Galicia de I+D+I
– Esta actuación inclúese dentro do programa Lug02 e permitirá aumentar a vida útil deste produto agroalimentario, mellorando o seu modo de presentación e conservación
– Con 420 produtores, a de Lugo é a provincia con maior produción deste produto, do que na pasada tempada se comercializaron preto de 800.000 quilos
– Gato Soengas subliña que “deste xeito aportaremos valor engadido ó grelo, contribuiremos a xerar riqueza na provincia e aumentaremos as súas posibilidades de negocio”
– O organismo provincial contribuirá á reconstrución do complexo arquitectónico do museo de Arxeriz, situado no Saviñao, así como o seu contorno natural e medioambiental
A Xunta de Goberno deste venres aproubou a adxudicación provisional da redacción e desenvolvemento dun proxecto de I+D+I destinado a mellorar a calidade dalgún produto alimentario autóctono do ámbito de actuación do programa europeo Lug02, co-financiado nun 70% por fondos FEDER. O produto sobre o que se realizará o estudo é o grelo e a empresa adxudicataria é Obenfield, situada no Concello de Vilalba. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “a través desta iniciativa pioneira en Galicia, xa que non existe un proxecto semellante, aportaremos valor engadido a este produto, contribuiremos a xerar riqueza na provincia e aumentaremos as posibilidades de negocio”.
Segundo datos facilitados pola propia empresa, na tempada de setembro a abril na provincia comercializáronse preto de 800.000 quilos deste produto, procedentes a maior parte deles da Mariña luguesa e da Terra Chá. Nestes momentos, existen 420 produtores en Lugo, dos que 125 están suscritos á Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia. Asimesmo, a superficie adicada a este produto é dunhas 300 hectáreas, polo que a provincia é a maior produtora de grelos de Galicia. A segunda é Santiago, especialmente o Concello de Ordes.
Gato Soengas expliciou que o que se persegue con este estudo é aumentar a vida útil do grelo e revalorizar este produto agroalimentario, mellorando o seu modo de presentación e conservación, de xeito que poida ser comercializado igual que outros produtos hortícolas que pertencen á gama IV. É dicir, alimentos procesados (pelados ou cortados, hixienizados e envasados) con maior funcionalidade, pero sen cambiar as súas características sensoriais orixinais. O que se trata é de que cheguen ó consumidor listos para o seu uso e con garantía de ser seguros, de xeito que o grelo se manteña envasado en perfectas condicións de calidade durante un período de 9 días como mínimo.
Poñer en valor os produtos autóctonos
O importe desta actuación é de 61.034 euros e súmase a outras liñas de actuación postas en marcha polo organismo provincial para poñer en valor os produtos autóctonos da provincia. É o caso do convenio asinado coa empresa Alibós para mellorar a comercialización da castaña ou da campaña Lugosabe, a cuxa distinción optan 100 destes produtos, pertencentes a 37 Concellos da provincia.
O obxectivo desta marca é converter ás empresas alimenticias da provincia nun referente en España, o cal se traduciará en beneficios económicos para a provincia. Lugo Sabe garante servizos e produtos de auténtica calidade, ó tempo que fomenta as boas prácticas medioambientais. Sen dúbida, o medio ambiente á a nosa oportunidade económica. Ademais, ofrece produtos autóctonos sometidos a rigorosas prácticas hixiénicas e de control en toda a cadena de fabricación: produción, envasado, envalaxe, almacenamento e distribución.
Despregue da ventanilla única
Apobouse a nova distribución orzamentaria do Plan Avanza para o Despregue da Administración Electrónica nas Entidades Locais, co obxectivo de poñer en marcha un programa innovador de mellora de emprego. Este proxecto está co-financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, “e permítenos seguir avanzando no obxectivo de complementar a implantación das TICs nos Concellos da provincia, xa que complementa o Innova-TE”.
O investimento total é de 419.500 euros, dos que 306.235, é dicir o 73%, son aportados polo Ministerio de Industria e o 27% restante, 113.264 euros, polo organismo provincial. “Este Plan permitirá ás entidades locais ser máis eficaces e mellorar a súa xestión, xa que os cidadáns, a través da ventanilla única, poderán facer trámites dende a súa casa sen ter que desprazarse ata o Concello, co cal non só contribuímos a que presten un mellor servizo ós veciños, senón que lles aforramos cartos e tempo”.
Ademais, permite diminuir os custes administrativos municipais e crear novos postos de traballo e novas oportunidades de negocio, xa que a súa posta en marcha implica a incorporación de persoal cualificado. “A Deputación está facendo os deberes non como a Xunta, xa que tal e como quedou de manifesto do Pleno, a provincia de Lugo sitúase á cola no acceso á banda longa”.
A través deste plan melloraranse as páxinas webs dos Concellos e os municipios poderán realizar o seu planeamento urbanístico a través de fontes de información xeográfica, así como visualizar os distintos mapas e navegar sobre eles. Ademais, facilita a xestión de información do catastro, patrimonio, infraestruturas, licenzas de obra, concesións de ocupación da vía pública, etc. Co Sistema de Xestión de Habitantes do INE e do padrón dos Concellos, integrará os procedementos relacionados coa xestión da poboación: número de habitantes, datos electorais ou intercambio de datos con outras administracións.
O contorno natural da Ribeira Sacra
A Deputación concederá unha subvención de 35.000 euros para a ampliación do Ecomuseo de Arxeriz, situado no Concello do Saviñao. Está xestionado pola Fundación Xosé Soto de Fión e nel consérvase a colección máis ampla de pezas representativas da cultura tradicional rural da Ribeira Sacra. Precisamente, foi recoñecido pola anterior Xunta de Galicia en 2007 como Colección Visitable.
Segundo o voceiro provincial socialista, “deste xeito contribuiremos á rehabilitación e á recuperación integral do complexo arquitectónico e do contorno natural coa finalidade de reivindicar, conservar e divulgar o patrimonio histórico, artístico, etnográfico e medioambiental da Ribeira Sacra que cada vez atrae a máis visitantes”.
Precisamente, a axuda servirá para completar a rehabilitación e ampliación deste centro que abriu a súas portas en 2004 e se sitúa nunha finca de 30 hectáreas. Na actualidade, dispón de tres salas, dúas con información xeográfica da zona e, a terceira, adicada á viticultura. Agora, preténdese construir unha nova cuxa temática xirará en torno ó río Miño. Nela recolleranse as historias do pobos que quedaron asolagados polos encoros.
Material para o Parque Móbil
O organismo provincial destinará 615.565 euros á adquisición de emulsión asfáltica e a subministración de combustible para os vehículos do Parque Móbil, co obxectivo de seguir cooperando cos Concellos da provincia.
“Dende que chegamos ó goberno da Deputación, reorientamos as funcións deste servizo, incrementando en máis do 20% o seu presuposto con respecto a 2009. Hoxe en día non só presta un servizo esencial ós Concellos senón que lles aforra cartos na mellora das súas vías municipais. Un exemplo desta colaboración é o plan de choque despregado para arranxar os danos producidos polas riadas na Mariña, e que aforra ós Concellos 300.000 euros”.