Nota de Prensa
A Deputación remata en prazo a mellora do acceso á praia das Catedrais no que investiu 500.000 euros
– Gómez Besteiro e o Alcalde de Ribadeo supervisaron o remate do traballos que incluíron o acondicionamento de 2,4 quilómetros da CP 0610, ademais da creación dunha rotonta non contemplada no proxecto inicial
– O máximo mandatario provincial anunciou que a Deputación tamén mellorará o treito que vai das Illas á praia dos Castros
– O organismo provincial leva preto dun mes agardando a que a Xunta conceda os permisos para iniciar a reconstrución da Ponte de Arante, afectada pola borrasca Doris
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, supervisaron este venres as obras de mellora que o organismo provincial levou a cabo na CP 0610 de Altar-Reinante-Os Castros, e que incluíron a construción dunha rotonda no entronque do vial de unión coa N-634 e a A-8 que se sitúa no punto quilométrico 11,065.
En total, a Deputación investiu no vial que dá acceso á praia das Catedrais 500.000 euros. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “fomos rápidos e rematamos estas obras en prazo. Ó igual que no seu momento cumprimos coa palabra dada ós veciños de Ribadeo, entregándolle coa máxima celeridade ó Alcalde este proxecto, hoxe a praia das praias da provincia ten un acceso en perfectas condicións, Ademais, incrementamos a seguridade de todos os que estas datas elixen como destino das súas vacacións Ribadeo e, concretamente este areal”.
Este proxecto foi en paralelo coa certificación medioambiental da praia, o único areal non urbano da provincia que conta con esta distinción. “Son actuacións moi significativas que permiten conservar o medio ambiente, e poñer en valor o segundo Monumento máis visitado en Galicia despois da Catedral de Santiago”.
No transcurso da visita, o máximo mandatario provincial anunciou que a Deputación tamén mellorará o treito da estrada que vai das Illas á praia dos Castros. A este respecto, o Alcalde sinalou que “estamos moi, moi, pero que moi agradecidos de que a Deputación retomase a mellora ata os Castros e coa mesma calidade que fixo a primeiro treito, xa que coas chuvias fortes destes días comprobamos que todo o vial funcionou perfectamente”.
Novidades no proxecto
Ademais da rotonda, o organismo provincial acordou incluir varias novidades neste proxecto. Deste xeito, aumentouse o número de quilómetros da estrada que se tiña previsto mellorar, chegando ós 2,4, concretamente dende o punto 9,920 ao 12,320. Asimesmo, os traballos tamén contemplaron o incremento do ensanche do vial e o acondicionamento da plataforma existente dende o punto quilométrico 9,920 ó 11,340 en 6,5 metros, e de 6 metros dende o 11,240 ó 12,320. Deste xeito, a zona de acceso á praia das Catedrais e á dos Castros, unha das estradas máis transitadas na época estival, pasará dos 4 ós 6 metros.
Pendentes do permiso da Xunta
A Deputación rematará mañá, 31 de xuño, as actuacións incluídas no plan de choque creado para atender as incidencias producidas pola forte borrasca de xuño e que causou danos cuantiosos en todos os municipios da Mariña. Deste xeito, Gómez Besteiro cumpre o compromiso asumido na reunión mantida nese mesmo mes con todos os rexedores municipais na que consensuaron as actuacións a levar a cabo nos oito municipios situados en primeira liña de costa. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que “todas as semanas envíolle ó Consellerio de Presidencia unha carta para informarlle das actuacións da Deputación, aínda onte saiu a última. Sen embargo non recibín ninguna de parte del”.
Precisamente, a borrasca Doris provocou o derrubamento da ponte que une as parroquias de A Ponte e de Arante, e que data de 1923. Ante esta situación, a Deputación actuou coa máxima celeridade, realizando unha proposta de emerxencia para contratar o arranxo que sofriu importantes danos estruturais, e que está situada á altura do punto quilométrico 0,150. Tamén habilitou unha partida orzamentaria dotada con 250.000 euros para acometer a súa reconstrución.
Asimesmo e por estar afectada polo Camiño Norte, solicitou á Consellería de Cultura e Turismo os permisos necesarios para poder acometer as obras. Concretamente, o servizo de Vias e Obras remitiu a solicitude o 13 de xullo, pero ata o de agora a delegación territorial do goberno autonómico aínda non se pronunciou ó respecto, polo que a Deputación non pode iniciar obras.
“Unha vez máis demóstrase quen cumpre e que non, quen está cos veciños da provincia e quen semella que non ten o mínimo interese. A Deputación fixo os deberes porque entendemos que hai cuestións inmediatas que hai que atender. O que non se pode facer e camuflar as responsabilidades cando hai problemas. O certo é que se a Xunta actuase como o fixemos dende a Deputación, xa poderiamos ter iniciada a obra”, apuntou Besteiro.