LUGO .- A Deputación investiu 1,5 millóns de euros na estrada de Vilaestrofe a Rúa, en Cervo. O organismo provincial executou a maiores unha rotonda para facilitar a circulación coas localidades de Burela, Sargadelos e Rúa.
Nota de Prensa
A Deputación investiu 1,5 millóns de euros na estrada de Vilaestrofe a Rúa, en Cervo
– O Presidente e a Vicepresidenta Segunda supervisaron os traballos de mellora da CP 1502, e que non foran incluídos no proxecto aprobado polo anterior goberno
– Grazas ás xestións realizadas por Lara Méndez, o organismo provincial executou a maiores unha rotonda para facilitar a circulación coas localidades de Burela, Sargadelos e Rúa
– A Deputación rematará neste mes o plan de choque creado para atender os danos producidos pola borrasca Doris nas vías municipais, e que lles aforra ós Concellos 300.000 euros
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisaron este luns os traballos de mellora que a Deputación levou a cabo na estrada provincial CP 1502, que vai de Vilaestrofe a Rúa, en Cervo. Deste xeito, o organismo provincial grazas ás xestións levadas a cabo pola Vicepresidenta Segunda, cumpre o compromiso asumido cos veciños deste municipio ó tratarse dunha vía con grande afluencia de tráfico.
A Vicepresidenta Segunda subliñou que “a Deputación cumpre coa súa palabra. Esta era unha obra moi demandada, xa que segundo as previsións do anterior goberno este treito quedaría en terra. Por tanto, é un día de ledicia para os veciños que vemos rematada unha obra pendente dende hai tres anos. Hoxe o soño é unha realidade, o soño cumpriuse. Agora temos unha boa comunicación en tempo e forma, xa que é unha estrada que ten moito tráfico, e son moitos os que realizan este traxecto catro veces ó día”.
A Deputación investiu nesta actuación un total de 1.500.000 euros. Os traballos incluiron a aplicación de aglomerado en quente no treito comprendido entre o punto quilométrico 2,600 ó 5,400, ademais da sinalización vertical e horizontal. Asimesmo e malia que non estaba contemplado no proxecto inicial, logo da reunión mantida por Lara Méndez cos veciños da zona, a institución provincial tamén construiu unha rotonda para facilitar o acceso a Burela, Sargadelos e a Rúa.
Neste senso, a Vicepresidenta Segunda lembrou que o organismo provincial xa asfaltara en xaneiro de 2009 outro treito de 2,600 quilómetros desta mesma estrada, que formaba parte do POL 2005. Neste caso, o proxecto aprobado polo goberno do Partido Popular só prevía o asfaltado de 900 metros mentres que nos outros 1,700 tan só se contemplaba unha capa de zahorra. “O actual equipo de goberno deulle a máxima prioridade a esta obra, consignando unha partida orzamentaria dentro dos Presupostos da Deputación para ese ano”, indicou Lara Méndez.
Obras de emerxencia en Cervo
O Presidente da Deputación e a Vicepresidenta Segunda tamén supervisaron o inicio das obras de emerxencia nas estradas provinciais que o organismo provincial está a levar a cabo para arranxar or danos ocasionados no mes de xuño pola borrasca Doris, e que se inclúen dentro do plan de choque posto en marcha para restablecer a situación na Mariña. A maiores, Gómez Besteiro tamén anunciou que as máquinas do Parque Móbil comezarán a traballar neste Concello a partir de mañá.
O organismo provincial foi a primeira administración en poñer en marcha un plan de emerxencia para a recuperación desta zona da provincia, dotado con 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 euros corresponden ós danos producidos na rede viaria provincial e 300.000 ós traballos que realizan ás máquinas da Deputación nas vías municipais. Neste último caso, Gómez Besteiro consensuou o programa de actuacións nunha xuntanza mantida cos Alcaldes e Tenentes Alcaldes de todos os Concellos mariñanos, e nestes momentos as máquinas xa concluiron os traballos en 6 dos 8 municipios que compoñen a franxa costeira. Mañá comezarán en Cervo e nos vindeiros días en Viveiro.
Deste xeito, o titular provincial cumpre o compromiso asumido naquela xuntanza na que pechara un plan a 40 días para os Concellos situados en primeira liña de costa, quedando para unha segunda fase os que se atopan máis no interior. Precisamente, o máximo mandatario provincial enviou este luns unha carta ó Conselleiro de Presidencia para informalo do desenvolvemento do plan e das actuacións levadas a cabo en cada un dos Concellos; información que tamén lle foi trasladada á Subdelegación do Goberno en Lugo.
En total, na Mariña traballan 20 operarios, ademais de 3 equipos de rego, formados por 3 cisternas de emulsión asfáltica, 2 camións gravilleiros e 3 apisonadoras, ademais de 2 equipos de limpeza, compostos por 2 motoniveladoras, 2 camións basculantes e outras tantas palas. Os traballos que as máquinas levan a cabo só nas vías municipais supoñen un custe para o organismo provincial duns 50 millóns das antigas pesetas, de tal xeito que a Deputación non só está a colaborar para que a Mariña recobre a normalidade, senón que lle permite aforrar ás arcas municipais o custe da contratación dos traballos.
Máis de 50.000 euros para as comunidades veciñais
A Deputación tamén acomete outros investimentos en Cervo. É o caso do Plan de Comunidades Veciñais, a través do que o organismo provincial subvencionou durante estes dous últimos anos actuacións por valor de 51.900 euros. Precisamente, Gómez Besteiro e Lara Méndez visitaron o local social da asociación Cervo-Sargadelos e o arranxo do campo da festa de Trasbar, levados a cabo dentro desta iniciativa. Nesta última localidade, o organismo provincial tamén arranxou unha pista dentro do Plan de Conservación.