Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe á Xunta que garanta a banda longa ao 45,6% dos habitantes da provincia que carecen dela

LUGO .- O pleno da Deputación acordou instar á Xunta a que axilice as accións necesarias para garantir a banda longa durante o vindeiro ano ó cen por cen dos concellos lugueses. Lugo é a provincia galega coa maior porcentaxe de habitantes sen este servizo cun 45,6 por cen.  A Deputación reclama á administración autonómica que non siga marxinando á provincia na programación do Xacobeo

Nota de Prensa

Deputación esixe á Xunta que garanta o acceso á banda longa en 2011 no 100% dos Concellos lugueses. Lugo é a provincia galega coa maior porcentaxe de habitantes sen este servizo cun 45,6%.Nota de Prensa

A Deputación esixe á Xunta que garanta o acceso á banda longa en 2011 no 100% dos Concellos lugueses

– Mentres os plans autonómicos fixan o horizonte de 2013 para dotar ós veciños deste servizo, o organismo provincial garante a implantación da eadministración en menos dun ano co Innova-TE

– Antonio Gato subliña que a banda longa é competencia directa da Xunta e os lugueses non poden agardar ata ese ano porque do contrario non poderán realizar os 120 trámites que ofrece o programa provincial

– Lugo é a provincia galega coa maior porcentaxe de habitantes sen este servizo cun 45,6%

– Aprobouse a modificación orzamentaria para o desenvolvemento de actividades que achegarán as novas tecnoloxías ás persoas maiores dentro do Centro de Innovación Social

– A Deputación reclama á administración autonómica que non siga marxinando á provincia na programación do Xacobeo

O Pleno da Deputación acordou, cos votos en contra do PP, instar á Xunta de Galicia a que axilice as accións necesarias para garantir a extensión da banda longa durante o 2011 ó 100% dos Concellos lugueses, xa que na actualidade existen 162.085 habitantes sen este servizo, o que supón o 45,6% da provincia. Deste xeito, Lugo é a provincia galega coa maior porcentaxe de habitantes sen acceso á Rede. Malia que os plans da administración autonómica fixan para 2013 o acceso a banda longa, neste ano case un 14% dos lugueses seguirán sen ter acceso a ela. Non obstante, a Deputación de Lugo, que foi moito máis ambiciosa poñendo en marcha o Innova-TE que garante a implantación da administración electrónica en menos dun ano, non poden agardar ata esa data, xa que os cidadáns que desexen realizar os 120 trámites que ofrece o programa europeo non poderán executalos se antes non dispoñen da banda longa; unha cuestión que é competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Ademais, a provincia lucense é a que ó final do plan da Xunta ten unha maior porcentaxe de poboación sen cobertura de banda longa (13,1%) respecto ó resto de provincias galegas: A Coruña (4,4%), Pontevedra (3,1%) e Ourense ( 5,2%). O voceiro provincial socialista subliñou que “non podemos permitir esta fenda dixital nin aceptar esta discriminación. Isto é un exemplo de recorte sobre recorte, é unha situación de subdesenvolvemento fronte ó desenvolvemento. Se non hai a autopista que necesitan os cidadáns, a saída que se pretende dende a Deputación nunca se podería producir”.

Pola contra, a Deputación fixo os deberes neste eido, xa que en maio o Consello Reitor do INLUDES aprobou un prego, dotado de 1.075.200 euros, para levar a banda longa ás 66 Casas Consistoriais da provincia. Este orzamento inclúese dentro dos 9 millóns que a Deputación inviste no Innova-TE, e dos cales un 70% son fondos Feder, e un 30% do INLUDES. Esta iniciativa supón un avance sen precedentes na provincia xa que, por un lado, porase fin ós problemas de acceso á Rede que, debido as condicións orográficas, existen na maior parte dos Concellos lucenses, e por outro, dotarase dun servizo cunha velocidade de conexión que permitirá a comunicación inmediata entre os veciños e a administración.

16 Concellos non adheridos

Gato Soengas lembrou que dos 66 municipios ós que vai dirixido o programa tecnolóxico 16, todos do Partido Popular, non se sumaron a esta iniciativa malia que o Innova-TE  lles vai aforrar tempo e cartos ós Concellos e permitirá a cohesión da provincia.

Neste senso, tamén se referiu ó investimento que realizará a Xunta de Galicia ata 2013 para a implantación da administración electrónica en Galicia, xa que mentres a administración autonómica realiza este investimento a longo prazo, a Deputación cos mesmos cartos implantará a administración electrónica en menos dun ano, o que lle permitirá se a primeira administración galega que ofrece unha solución integral para a eadministración, convertendo ás Casas Consistoriais en sedes electrónicas. “Levan máis de ano e medio na Xunta e presentan este plan. O que está claro é que o 2013 vai ser unha fenda. Os recortes van impedir que haxa banda longa o ano que vén. Co programa da Deputación conseguiremos que a Galicia do interior non se distancie da Galicia atlántica unha vez máis”.

Co Plan autonómico só se poderán realizar 85 procedementos telemáticos, co da Deputación 120, é dicir, 35 máis.  Asimesmo, con respecto á cobertura do proxecto: tan só a Xunta levará a cabo 10 procedementos en 105 Concellos e o da Deputación 80 para 51 Concellos.

Asimesmo, acordouse reclamar, cos votos en contra do Partido Popular, á administración autonómica que explique que criterios seguiu para a selección dos Concellos e actuacións incluídas na programación de ocio musical para o Xacobeo 2010. Neste senso, o organismo provincial solicita que non se siga marxinando a Lugo, xa que ata o mes de setembro só existen catro actos programados, fronte ós 18 da Coruña, 15 de Pontevedra e 10 de Ourense. Neste senso,  urxen a adopción das medidas oportunas para equiparala ó resto das tres provincias galegas en cantidade e calidade de actuación.

Centro de Innovación Social

O Pleno da Deputación aprobou, coa abstención do PP, a nova distribución orzamentaria para o desenvolvemento dun programa pioneiro que permitirá frear o desemprego na provincia e achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores e a aqueles colectivos con maior problema para atopar un posto de traballo. Conta cun investimento de 771.810 euros e permitirá insertar laboralmente a 27 desempregados da provincia.

Inclúese dentro do Centro de Innovación Social que se ubicará nas instalacións da Escola de Imaxe e Son e que está co-financiado polo Ministeiro de de Industria, Comercio e Turismo ó abeiro do Plan Avanza. O CIS, que ten un orzamento de máis de 1,5 millóns de euros, é o primeiro centro experimental para o benestar social en Galicia que estará a pleno rendemento en 2011. En España existen outras infraestruturas semellantes como o CITILAB de Cornellá de Llobregat; o Centro de Innovación Social Boluetabarri, en Bilbao e o Centro de Innovación Social de Guipuscua.

Trátase dun centro pioneiro en toda a Comunidade dende o que se desenvolverán e probarán produtos e servizos que favorezan o benestar social, o que creará postos de traballo nun dos nichos de emprego máis importantes desta provincia, e no que a Deputación leva traballando varios meses co asesoramento do Citilab catalán, á vangarda en España. Esta iniciativa é un “laboratorio cidadán” no que, a través da innovación e a investigación, será posible mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente da terceira idade e dependentes, un colectivo moi numeroso na provincia.

Estradas provinciais que pasan a ser municipais

A Deputación tamén acordou por unanimidade ceder ós Concellos de Outeiro de Rei e Sober varios treitos de estrada provinciais. En total, no primeiro municipio son 600 metros que pertencen ás seguintes vías: CP 3006, que vai de Bonxe a Rozas, dende o punto quilométrico 0,000 ó 0,520, e a CP 3008 que vai de Ramil por Martul á CP 2905, no treito comprendido entre o punto quilométrico 0,000 ó 1,080.

Neste caso, o Alcalde solicitoulle ó organismo provincial a transferencia do primeiro treito debido ó tráfico que soporta coa execución e consolidación dos polígonos empresariais. No segundo treito, a cesión débese a que discorre por terreos calificados como solo urbanizable residencial, sobre os que se pretende aprobar un plan especial de infraestruturas co obxectivo de adaptar os viais ás demandas que xurden da ocupación das urbanizacións.

Polo que se refire ó municipio da Ribeira Sacra, a cesión afecta ó  treito que vai dende o punto quilométrico 3,460 ó 3,615 da CP 3201, e que comunica Monforte con Sober. Neste caso, o motivo é porque o vial discorre polo casco urbano.

Aprobadas as cesións, que lle serán comunicadas á Xunta de Galicia, agora correspóndelles ós Concellos a execución de todas as actividades de xestión, mantemento e conservación das mesmas.

Exit mobile version