Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación crea emprego nas profesións con futuro

Galicia é unha das comunidades autónomas nos que máis incrementou o paro este ano, sendo esta unha das maiores preocupación dos galegos e das galegas, e tamén dos lucenses. Fronte ós Pactos polo Emprego autonómicos que non inclúen formación nin inserción laboral, senón que estudan o mercado laboral, o Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), moito máis ambicioso, foi quen de poñer enriba da mesa unha nova medida estratéxica co obxectivo de crear postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro.

Trátase dun ambicioso programa de formación e inserción laboral do que se beneficiarán 540 desempregados e aquelas persoas que, nestes momentos de crise, teñen máis dificultades para atopar un emprego. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto denominado “Pacto Provincial polo Emprego” dotado con 3.400.000 euros e co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo.

Para a súa posta en marcha realizamos unha ampla diagnose da situación laboral na provincia, identificando aquelas profesións de futuro. Analizamos Concello por Concello, estudamos as empresas existentes, as necesidades de man de obra, os sectores en progresión ou recesión, e hoxe temos un mapa de emprego real na provincia.

Sen ningún tipo de dúbida, o futuro laboral na provincia radica nas áreas social-sociosanitaria, hostalería, turismo, industria manufactureira relacionada coa agroalimentaria e no sector forestal. Con estes datos, deseñamos 45 accións formativas con 15.000 horas de docencia e máis de 60.000 horas de prácticas profesionais en empresas estreitamente vinculadas con estas áreas.

Os cursos levan aparexedo un certificado de profesionalidade esixido pola Lei de Dependencia para poder desenvolver determinados labores, e, ademais, conscientes de que algúns participantes o desprazamento e asistencia ós cursos pode supoñerlle un problema económico, recibirán unha axuda de 400 euros, equivalente ó 75% da cuantía establecida polo IPREM.

Deste xeito, a Deputación demostra unha vez máis que non crea problemas senón que os soluciona, e faino poñendo en marcha medidas estratéxicas que construén a provincia do futuro.

Lara Méndez

Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo

Exit mobile version