Nota de Prensa
PRESENTOUSE O V FESTIVAL ARREOCABO, QUE ORGANIZA O COLECTIVO CHILINDRÍN
Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, participou na presentación da quinta edición deste festival mariñán
Grupos galegos como Jabon Blue e Zenzar, ou os vascos Kaotiko e Segismundo Toxicómano forman parte do cartel do festival que terá lugar o 17 de xullo
LUGO, 3 de xullo de 2010. O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta mañá na presentación do V Festival Arreocabo, que organiza o Colectivo Chilindrín o vindeiro 17 de xullo. A presentación tivo lugar no concello de Viveiro e nel participaron, ademais do delegado e Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o alcalde de Viveiro, Melchor Roel, mailos membros do Colectivo Chilindrín, Bernardo Fraga, Breixo Buján Balseiro e David Otero.
A quinta edición do festival, o Arreaocabo 10 terá lugar como ven sendo habitual no Parque de Lavandeiras de Celeiro (Viveiro), o sábado 17 de Xullo a partir das 20:00 horas. Contará con zona de mercado, barra a prezos asumibles, servizos públicos e zonas de acampada e aparcamento gratuítas.
O Colectivo Chilindrín, segue apostando sen ningunha dúbida por un evento que en catro anos pasou de contar con escasos medios e unha asistencia de público que non chegaba ás cincocentas persoas, a un festival consolidado como referencia do rock en Galiza coa asistencia de 2000 persoas nas dúas últimas edicións, e que este ano contan superar, mellorando na organización, na difusión, e completando o festival con actividades paralelas.
O Festival Arreaocabo é un festival de música rock que ten emprazamento no pobo mariñeiro de Celeiro, pertencente ao Concello de Viveiro, na Mariña Luguesa. Da man da asociación xuvenil e cultural “Colectivo Chilndrín”, que se encarga da súa organización, pretende ofertar e promocionar algunha das mellores agrupacións musicais do panorama estatal español, as mellores e máis contrastadas agrupacións da escena galega e incluso dar cabida a algún grupo novel ao que esta proposta lle sirva de plataforma.
A asociación Xuvenil e Cultural Colectivo Chilindrín nace no pobo mariñeiro de Celeiro, pertencente ao Concello de Viveiro (Lugo), no ano 2005, para tentar dinamizar social e culturalmente a localidade. Son máis de 70 socios e socias na actualidade que traballan na organización de diversos eventos socioculturais, todos eles sen ánimo de lucro, entre os que destaca este Festival Arreaocabo, que vai pola quinta edición, o Encontro Chilindrín (unha xuntanza interxeracional que xunta a case 200 mozas e mozos de Celeiro unha vez ao ano), xornadas de convivencia con asociacións deportivas, culturais e de discapacitados, eventos deportivos, festas para todos os públicos (magosto, entroido, fin de ano…), charlas e todo aquelo que faga de Celeiro e por extensión do Concello de Viveiro un lugar con diferentes alternativas de ocio e diversión para a mocidade.