Nota de Prensa
A Deputación adiantará este ano máis de 16 M€ de euros ós Concellos adheridos ó Sistema de Recadación Provincial
– Coa rebaixa do 6 ó 3%, a Deputación aforra 500.000 euros ós 51 municipios que teñen delegada a recadación de impostos no organismo provincial
– Trátase dunha medida que puxo en marcha o actual equipo de goberno e que lles permite ás entidades locais ter unha maior liquidez
– Gómez Besteiro e Núñez-Torrón asinan o convenio a través do que as xestoras da provincia poderán realizar as autoliquidacións dos impostos de tracción mecánica e o de natureza urbana
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Delegación Lucense do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, Eduardo Núñez-Torrón Freijo, asinaron este martes o convenio de colaboración para a tramitación de certas actuacións en materia de xestión tributaria como as autoliquidacións dos impostos de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e do Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU).
O obxectivo do acordo, tal e como sinalou o máximo mandatario provincial, é reducir custes e tempo ós veciños, “xa que evita que os contribuíntes teñan que desprazarse a Lugo para realizar o pagamento destes tributos podendo facelo na xestoría que teñen de man no seu Concello, a través das entidades bancarias ou mesmo vía telemática”. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “a idea aínda vai máis aló, xa que co Innova-TE o propios cidadáns poderán realizar este trámite dende a casa. Para iso precisan que a administración competente na materia os dote da autovía necesaria para poder facelo, é dicir, da banda longa”.
Pola súa banda, o Núñez-Torrón indicou que “nesta época na que prevalece a era informática a Deputación está sendo protagonista e vai moi avanzada. Nós dende o Colexio de Xestores tamén desenvolvemos un labor importante para achegar a administración ó administrado. Nunha provincia como a de Lugo tan dispersa ter que estar acudindo ós Concellos para matricular un vehículo e logo vir a tráfico xa non é destes tempos. Con este convenio isto queda solucionado”.
Esta iniciativa inclúese dentro do novo Sistema de Recadación Provincial que puxo en marcha o actual equipo de goberno para aforrar cartos ós Concellos e prestar un mellor servizo ás entidades locais. Na actualidade, un total de 51 municipios teñen delegado na Deputación a cesión da recadación de impostos (urbana, rústica, IAE -Imposto sobre Actividades Económicas-, ICV -Imposto de Circulación de Vehículos-, taxa de auga e lixo, sumidoiros e antenas parabólicas), de tal xeito que a cantidade que o organismo provincial lles adiantará ó longo deste ano ascende a 16.255.332 euros. Nos sete primeiros meses, a Deputación xa lles anticipou 9.464.777 euros.
A este respecto, o titular provincial destacou que “estes Concellos entenderon que cantos máis sexamos máis eficientes podemos ser e, sobre todo, podemos reducir os custes. Estes anticipos permítenlles ter liquidez todos os meses. Isto supón para a Deputación un importante esforzo, xa que deixamos de ter estes cartos na nosas contas e pasan á tesoureiría dos Concellos”.
500.000 euros de aforro para os municipios
As bases dos novo sistema, que foran aprobadas por unanimidade polo Pleno en 2007, rebaixan ata o 3% a porcentaxe que deberán aboar as entidades locais por este servizo. “Non pretendemos ter ingresos en función da taxa recadatoria. A demostración máis clara é que se rebaixou a taxa de recadación do 6 ó 4% e agora ata o 3%, é dicir, rebaixamos o 50%, co que aforramos ós Concellos uns 500.000 euros anuais. Deste xeito, as entidades locais están recibindo anticipos todos os meses, o que lles permite contar con recursos polos que antes tiñas que esperar, así como planificar os gastos correntes diarios”.
Esta redución de 3 puntos por debaixo do custe anual é consecuencia da boa xestión levada a cabo polo actual equipo de goberno, e tradúcese en novos ingresos para os Concellos. En 2008 os municipios adheridos foron 44, en 2009 48 e, este ano 51. Son os seguintes: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada, Xermade, Guntín, Xove, Láncara, Lourenzá, Meira, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Baralla, Ourol, Palas de Rei, Paradela, Páramo, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Pontenova, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Rábade, Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Castro de Rei, Mondoñedo e O Saviñao.