LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, considera que o concello de Burela tratou de abrir un “falso debate” en torno ao proxecto do obradoiro de emprego, que aínda está en fase de tramitación.
Raquel Arias sinala que “bastaba botar un vistazo” á Orde do 18 de marzo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas, e á propia documentación presentada polo equipo de goberno do concello de Burela “para establecer que este proxecto en concreto non podería ser incluído na primeira comisión de valoración”. O artigo 34 da citada orde recolle que os expedientes serán remitidos, “unha vez completos”, á Comisión Central de Valoración, que os estudará en dúas fases: “Para os recibidos ata o día 15 de abril: a partir do mes de maio. Para os recibidos ata o día 15 de xuño: a partir do mes de setembro”.
O Concello de Burela non respostou á petición de documentación requirida pola Consellería de Traballo e Benestar para xustificar as deficiencias detectadas na súa solicitude inicial ata o 10 de maio, data na que presentaron no rexistro a documentación que lles fora solicitada.
A solicitude orixinal do concello fora entregada no rexistro o 15 de abril. Adoecía de erros que obrigaron á Xunta a emitir o día 26 do mesmo mes un requirimento coa documentación correcta, que finalmente o solicitante achegou o 10 de maio a través do portelo único, sendo recibida na Delegación Territorial o día 14 de maio, fóra xa da data límite para que tivera chegado á Comisión Central de Valoración a tempo da primeira reunión.
A delegada territorial lembra que a propia orde, no mesmo artigo, especifica que “aquelas solicitudes sobre as cales na primeira fase de concesión non se formulase proposta de resolución, non se considerarán expresamente desestimadas e poderán ser obxecto de ulterior avaliación na seguinte fase”.
“A renglón seguido, o artigo 35, recolle os criterios de valoración dos proxectos”, explica Arias, “e serán obviamente os que decidan a aprobación ou non, desta, e de todas as solicitudes recibidas”.
A delegada territorial considera que “este intento de polémica non se sostén” e as críticas realizadas dende o goberno do concello de Burela son “precipitadas, indocumentadas e sen fundamento ningún”. “Se tiñan algunha dúbida sobre a marcha do expediente –conclúe- en vez de especular en público debían terse informado na Delegación Territorial; o persoal de Traballo e Benestar teríalles aclarado todas estas cuestións con dilixencia”.