Site icon Crónica3.com A Mariña

Zarapallada do PP mariñán

Ao longo deste ano e pico o goberno do señor Feijoo ten dado un feixe de exemplos da súa deconstrución da realidade galega. E tamén ten demostrado a súa eficacia na demolición da herdanza política (tanto do labor feito polo bipartito desde o goberno, como das propostas presentadas por eles desde a oposición).

Lonxe quedan os pasquíns cos que enchían as caixas do correo da costa galega advertindo da expropiación de facto que, segundo eles, supuña a moratoria dos 500 metros de prohibición para edificar á beira do mar. Lonxe quedan tamén as súas demandas en torno ás listas de espera ou acerca do funcionamento e dos servizos a prestar desde os hospitais comarcais. Que dicir da súa actitude cara á lei de dependencia e as súas queixas pola tramitación dos expedientes e a carencia de prazas en centros de día, residencias para os nosos maiores.

Ao respecto, segue a ser unha vergoña a actitude do goberno conservador á hora de manter pechada a residencia de maiores en Viveiro. Tamén ten mirado ben para outro lado e buscado mil escusas para non afrontar as obras do centro de día para tratamento de enfermos de alzheimer en Ribadeo. Ata desde o bispado lles tiveron que replicar que a Igrexa xa cedera a reitoral de Ove. Pero, erre que erre na súa cruzada na procura de “papeis”, desde o goberno Feijoo empéñanse en atopar probas de que algún trámite deixou sen facer o bipartito que lles imposibilita comezar con calquera obra, ou abrir instalacións xa rematadas, ou o que for con tal de desgobernar para demostrar que ruín foi o bipartito.

Un exemplo disto, que raia na esquizofrenia política, foi o protagonizado polo PP da Mariña lucense a raíz da visita de Elena Espinosa á comarca mariñán por mor das inundacións da pasada semana. Desde proclamas do tipo: “¿Quen é esa muller para vir en helicóptero, co caros que son?”, “¿Por que non veu en coche, coma os obreiros?” (Isto é de supoñer que se trata dunha influencia do pasado de Piqué ou Villalobos.) “E xa non sei para que veu, total nada fixo e para nada serve!”

Porén, o máis grave da zarapallada mediática organizada por Balseiro & Co. foi a manipulación chocalleira levada a cabo polo uso do heliporto do Hospital da Costa, en Burela. Apelando aos protocolos (internos) a seguir por parte do hospital para o seu uso, o PP da Mariña argallou un despotismo asoballante exercido pola ministra Espinosa coma se nunca tal se vira. Aznar á súa beira, un miñaxoias, oes! Ben fará Elena Espinosa en defender a súa actuación; a poder ser con feitos, con medidas sólidas ben dotadas orzamentariamente e aprobadas o máis axiña posíbel.

Agora ben: mirar cara a outro lado pensando que isto só lle afecta ao PSOE é absurdo. O PP utilizou este tema, xunto cun reparto de pasquíns informativos sen precedentes na zona, nomeadamente en Burela, procurando demostrar á xente o absurdo da manifestación do sábado 26 de xuño na defensa do Hospital da Costa. E iso compétenos a todos e todas. Cada un desde a súa óptica e co seu traballo. Pero é empresa común. Vémonos en Burela o 26.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version