Nota de Prensa
Preto de 300 persoas visitan esta semana a Mariña, a Ribeira Sacra, a Montaña e a Terra Chá con Km0
Díaz Valiño recibiu a veciños de Castro de Rei e de Burela, quenes visitaron
a Illa Coelleira e o Castro de Viladonga dentro do programa medioambiental
O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación de Amigos da Feira de Castro de Rei e a outro da Residencia de Maiores de Burela, dentro de Km0. En total, 295 persoas participarán esta semana nas seis rutas programadas pola iniciativa do organismo provincial.
Os 55 veciños da Terra Chá desprazáronse ata a Mariña, onde visitaron a ponte do ferro, o mirador de Estaca de Bares, a praia de Arealonga, a Illa Coelleira e o porto do Vicedo. Previamente, coñeceron o Centro de Produción de Programas da Fundación TIC. Pola súa banda, os 48 membros do grupo burelés optaron polo municipio de Castro de Rei. Percorreron os Lagos de Teixeiro, o aeródromo de Rozas e o Castro de Viladonga. Tamén se achegaron ata a Insua de Burneiros e a Casa da Fervenza, e pasearon polo río Rato.
O mércores, 48 integrantes do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de San Ciprián viaxarán ata a Montaña, onde visitarán as pallozas do Piornedo e a igrexa de Donís. Completarán o itinerario cun percorrido pola oleiría de Bonxe. Asimesmo, 48 membros da Asociación da Terceira Idade da Pastoriza e da Asociación Cultural “O Caxigo” da Fonsagrada optarán por Ribadeo. Neste caso, a ruta inclúe unha visita á Fundación TIC, ó castelo de San Damián, ás Clarisas e unha travesía marítima pola ría.
Finalmente, o xoves un grupo de 48 persoas da Asociación Xubilados de Taboada redescubrirán Os Peares co programa da Deputación. A ruta elexida está composta por unha visita á oleiría de Bonxe, ó Ecomuseo, ó mirador do Cabo do Mundo, á igrexa da Cova, á adega Vía Romana, ademais de por un percorrido en catamarán pola zona. Ese mesmo día, 48 alumnos do CEIP de Bretoña (A Pastoriza) desprazaranse ata Guitiriz. Neste municipio, percorrerán o balneario e visitarán o reloxo astrolóxico e o establecemento “A Esquina”. Tamén farán a ruta dos Sete Muíños e da Auga.