Site icon Crónica3.com A Mariña

Un paso máis cara a e-administración

Dende a Deputación temos unha clara aposta polas novas tecnoloxías para mellorar os servizos ós cidadáns, e lograr que Lugo pase de ocupar os últimos postos ós primeiros no que se refire á innovación. Deste xeito, somos a primeira administración de Galicia que aporta unha solución integral para a implantación da e-administración grazas o Innova-TE, o programa mediante o cal lograremos que os veciños da provincia gocen dunha administración sen papel, aberta 24 horas e os 365 días ó ano.

Levamos meses traballando nesta iniciativa para a cal destinamos 9 millóns de euros. Acabamos de aprobar o plan de banda ancha, un proxecto dotado de 1 millón de euros que permitirá ás 66 Casas Consistoriais de Lugo, -a excepción da capital que xa ten un proxecto encamiñado a este fin-, dispor dunha conexión a Internet de calidade, de 2 megas como mínimo.

Isto supón un avance sen precedentes en Lugo xa que, por un lado, por fin solucionaremos os problemas de acceso á Rede que, debido as condicións orográficas, existen na maior parte dos Concellos lucenses; e por outro, dotamos dun servizo de calidade, e cunha velocidade de conexión, que permitirá a comunicación inmediata entre os veciños e a administración.

Co noso traballo dotamos á provincia da autopista necesaria para culminar a implantación da administración electrónica en Lugo a mediados do 2011. Sen embargo, o noso traballo non é suficiente se a Xunta, administración con plena competencia nesta materia, non pon a disposición dos veciños a banda ancha necesaria para que poidan realizar dende a casa os 120 procedementos que a Deputación lles ofrece co Innova-TE.

Esta Deputación fai os deberes e, en tempo record, implanta a Administración electrónica na provincia, e dota dunha banda ancha de calidade ós Concellos. Agora só queda que o Goberno galego faga a súa parte, e dote ós lugueses de Internet para que, o 45% dos veciños que na actualidade non teñen acceso a Rede, poidan comunicarse de forma inmediata coa administración aforrando cartos e tempo como queremos e lles ofrecemos dende a Deputación de Lugo.

Demostramos que somos unha administración moita máis ambiciosa que calquera outra en Galicia xa que, fronte o horizonte de 2013 que marca a Xunta para que os galegos dispoñan de Internet, nós en 12 meses remataremos coa fenda dixital en Lugo dando un salto de cero a dez no campos das novas tecnoloxías.

Exit mobile version