Site icon Crónica3.com A Mariña

Un deputado do PP di que o alcalde de Foz lle atribuie unha afirmación que “non é textual nin certa”

Nota de Prensa

O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol ante as informacións aparecidas en diversos medios de comunicación que se fan eco  dunhas declaracións efectuadas polo alcalde de Foz, Jose María García Rivera, nas que asegura que no seo da mancomunidade de municipios da Mariña lucense “Balseiro dixo que había asuntos máis urxentes para arranxar a sanidade” quere clarexar o seguinte

1º.- Que a devandita afirmación non é textual nin certa, polo tanto o alcalde de Foz está a mentir imputando esas palabras ao deputado popular.

2º.- Que non só este deputado, senón a inmensa maioría dos representantes municipais da Mariña rexeitaron a moción presentada por Jose María García Rivera sobre un inexistente perigo de desmantelamento do Hospital da Costa, negando toda validez a esta alarma e subliñando os compromisos adquiridos tanto por Sanidade como polo propio Presidente da Xunta para o reforzo e autonomía da área sanitaria da Mariña e do seu hospital.

3º.- Que en todo caso o deputado popular mantén que o debate sobre sanidade tal e como o pretendeu suscitar o alcalde de Foz nin é urxente, nin ten ningún tipo de fundamento na realidade.  Sería moito máis importante para os concellos da Mariña representados na Mancomunidade poder debater  sobre outras cuestións como son os recortes sociais que o Goberno socialista de Zapatero está a impoñer a traballadores, dependentes e nais ou sobre a redución de soldos dos empregados públicos, ademais da diminución das achegas que o Goberno central tería que destinar ao financiamento dos concellos.

4º.- Jose Manuel Balseiro amosa a súa máxima satisfacción porque a Mancomunidade de concellos da Mariña lucense rexeite os argumentos empregados pola plataforma sanitaria que instrumentaliza o PSOE e o BNG, e non se adhira á súa mobilización. Insiste en que estes colectivos tan só buscan facer dano político xerando  alarma social nun asunto tan serio como  é o do funcionamento dos servizos públicos chamados a garantir a  saúde das persoas.

Lembra que só o alcalde de Foz e os representantes do concello de A Pontenova (que nin tan sequera forman parte da área sanitaria do norte lucense) defenderon as  teses “catastrofistas” da plataforma sanitaria.

Exit mobile version