NOTA DE PRENSA:
Os nacionalistas critican a privatización do centro.
Arredor dun cento de persoas esixen a apertura da Residencia de Viveiro.
Arredor dun cento de cargos orgánicos institucionais do BNG da Mariña así como veciños de Viveiro participaron hoxe Sábado nunha concentración que se celebrou diante da residencia que o Sogarserso construíu en Viveiro, e que a pesar de estar rematada desde fai case un ano segue fechada ao público. Os nacionalistas que se concentraban pola apertura inmediata da mesma tamén criticaron a privatización da mesma e portaban unha faixa sob o lema “Na defensa dos servizos públicos” co que pretendían denunciar o desmantelamento dos mesmos por parte do Goberno do PP.
Xosé Antón Goás, Portavoz Municipal do BNG, dirixiuse aos asistentes para manifestar que “é autenticamente escandaloso que unha residencia como a de Viveiro co número de prazas que ten tanto para aptos como dependentes siga fechada a día de hoxe, se temos en conta o número de maiores da nosa Comarca que están en lista de agarda para poder acceder a unha praza de residencia. Isto só se explica desde a perspectiva que para o PP as políticas para os maiores non son unha prioridade política, máis aínda os maiores para o PP son pura mercadoría electoral”. Na mesma liña o Portavoz Municipal do BNG criticou “ que se poida ter iso aínda fechado, cando día si e día tamén vemos como existe esa demanda de prazas. Non deixa de ser curioso que a hora de recortar o PP sempre recorte con que menos ten ou paraliza aquilo que pode ser un impedimento para o negocio privado”.
O Portavoz Municipal afirmou que a apertura da Residencia vai significar a creación de máis de cen postos de traballo directo, criticaron que a Xunta de Galiza aplique políticas totalmente opostas a aquelas que se levan adiante nos estados europeos con menos desemprego. Veiga recordou “que as taxas de desemprego dos países escandinavos son tan baixas pola grande cantidades de persoas ocupadas no que se coñece como a economía do benestar, isto é nos servizos sociais. Que o PP non axilice a apertura da residencia de Viveiro implica que máis de cen persoas este desocupadas, posto que a residencia da terceira Idade pasará a ser un dos principais centros de traballo en canto a man de obra ocupada da Comarca.Esta claro que para o PP non é unha prioridade a creación de emprego”, recalcou Goás quen denunciou como “unha auténtica canallada o mercádeo que algúns responsábeis políticos están a facer con eses postos de traballo”.
Antonio Veiga, Responsábel – Portavoz Comarcal do BNG, que tomou a palabra para fechar o acto, comezou afirmando que “xa sabemos o que significa austeridade para o PP, isto é recorte dos servizos para quen máis o precisan, reducción do gasto público en detrimento das maiorías sociais, tesourazos para os maiores e ás clases traballadoras, en definitiva queren desmantelar o raquítico estado de benestar para volvernos a beneficencia” para indicar” que só a mobilización social e a esixencia por parte do pobo vai posibilitar unha mudanza de políticas. Porque o PP claro que está a facer política, política para os que teñen, política en beneficio dos que teñen, en definitiva, están a exercer do que son, de capataces dos poderosos”. Veiga criticou tamén que o caso da residencia de Viveiro evidencia que para o PP non é unha prioridade a loita contra o emprego e contrapuxo este modelo ao do BNG “Os nacionalistas no goberno galego promovemos e executamos a construcción deste centro para aumentar a cobertura social dos nosos maiores, pero tamén para crear emprego. O PP na contra entrégallo a unha sociedade privada para que fagan negocio cos nosos vellos e para precarizar as condición laborais dos traballadores”, remachou Veiga
O Portavoz Comarcal do BNG denunciou tamén a privatización do centro no momento que a Xunta vendeu a participación pública as caixas galegas e a posición mantida polos dous grupos maioritarios no Concello de Viveiro a favor desa xestión privada. Veiga afirmou que “a privatización vai significar que os criterios de renda van seguir a ser un condicionante para que un galego ou unha galega poidan aceder a un centro coma xeriátrico, vai significar unha merma na calidade asistencial e unha precarización nas condicións laborais dos traballadores do centro. Asemade a ausencia de control público é unha coartada para que o funcionamento das mesmas non veña dada polas necesidades da poboación senón polo interese de negocio dos titulares do complexo. Neste sentido sería bo saber en que cantidade a Xunta de Galiza vendeu a súa participación as caixas, algo que a día de hoxe descoñecemos, porque a residencia de Viveiro fíxose tamén con diñeiro que era de todos os galegos”.
O Responsábel Comarcal do BNG denunciou a paralización por parte do Goberno de Feijoo das actuacións que tiña aprobadas en materia de servizos sociais o Goberno Bipartito na Comarca da Mariña así como de moitas actuacións como a residencia de Viveiro que están rematadas e a día de hoxe seguen sen utilizar. Segundo lembrou Veiga “agás a Galescola de Foz que abriu a mobilización veciñal o resto das infraestruturas están paradas. É un territorio sen cobertura social é un territorio con menos calidade de vida para o conxunto da poboación, pero tamén un territorio con menos posibilidade de poboación ocupada”.