BARREIROS (FNC) .- Ás oito da tarde terá lugar a reapertura do Eido Dourado. Exposición de pintura renovada, visitas guiadas e veladas musicais son algunhas das novidades previstas para este verán de 2010.
Celso Dourado explica que o acto de mañá “estará conducido por un grupo de actores que encabeza Comba Campoy e tamén participarán Antonio Reigosa, pertencente á asociación de escritores en lingua galega e coñecido fabulador e o escritor Isidro Novo. Da parte musical encargaránse Mini e Mero, de sobra coñecidos por seren cofundadores de Fuxan Os Ventos, tamén estarán Habelas Hainas, Nuria de León que é unha rapaza que ten unha voz moi fermosa e que se fai acompañar coa arpa celta, contaremos coa presenza de Lincorne e é posible que tamén se achegue ao Eido Dourado Uxía Pedreira. Despois destas intervencións terá lugar a apertura da exposición e despois vanse servir un viño e uns pinchos”.
O artista barreirsen insiste en que “este acto é aberto a todo o mundo que teña inquietude por ver a esta xente ou por escoitalos”.
Celso Dourado asegura que “este ano poderemos ver un Eido Dourado renovado tanto nas súas estructuras como na propia exposición. Hai unha aportación técnica importante que está baseada nos tratamentos de barnices co debuxo como fío conductor. Hai tamén unha serie alusiva aos malos tratos, moi de actualidade tristemente, con distintas técnicas e hai outra serie titulada Anatomías na que represento o corpo humano dunha forma un tanto surrealista”.
O Eido Dourado estará aberto de 11 a 14 horas polas mañás e de 16:30 a 20:30 polas tardes ata finais de setembro. Os luns permañecerá pechado.