Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo recolleu en Madrid as distincións “Q” de calidade das praias de As Catedrais e as Illas-Castros

MADRID (FNC) .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, amósase moi satisfeito coas Q de calidade que recibiron as praias de As Catedrais e As Illas-Castros. O edil, que recolleu este mediodía os galardóns en Madrid, anima ao sector turístico a loitar por este recoñecemento nos seus establecementos.

Horacio Cupeiro suliñou desde Madrid que “unha vez máis as praias do noso concello vense galardoadas coa Q de calidade turística e tamén contaremos tanto nas Catedrais como nas Illas-Castros coa certificación Emas da ISO 14001 de medio ambiente”.

O concelleiro nacionalista manifestou que “a Q de calidade obriga aos Concellos a implicarse moito nos servizos que se prestan tanto na auga como na area. Este esforzo que teremos que facer, ainda con crise e todo, será grande. Un pode ser pobre, pero por iso non ten que ser porco e desaliñado. Debemos seguir loitando por un turismo sostible que respecte o litoral e a biodiversidade, algo que sen dúbida debemos preservar”. O responsable de Medio Ambiente considera que “para continuar na elite turística debemos traballar na calidade porque a día de hoxe hai moita competencia, debemos recordar que a Q de calidade é un elemento diferenciador onde o Estado, as Comunidades Autónomas, os Concellos e os empresarios turísticos debemos loitar”.

En total foron 152 praias de todo Estado as que conseguiron este galardón, 34 máis que o ano pasado e entre elas atópanse areais de Ribadeo, Foz e Viveiro. Cupeiro animaou “ao sector turístico a loitar pola Q de calidade dentro do seu propio establecemento e a que contribúan xunto co Concello na defensa dun turismo cultural, gastronómico, de natureza e urbanístico para loitar contra a temporalidade no sector. Hai moito que facer para que poidan traballar durante todo o ano e non só no verán e na semana santa”.

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, foi encargado de entregar as Q de calidade. Acompañárono no acto o secretario de Estado de Turismo, Joan Mesquida, e o presidente do ICTE (Instituto para la Calidad Turística Española, Miguel Mirones

Exit mobile version