RIBADEO (FNC) .- O Concello recibe 41.000 euros para potenciar a oficina de rehabilitación, que prestará servizo de portelo único de información e xestión de axudas en materia de vivenda. O alcalde viaxou a Santiago para asinar o convenio co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.
Fernando Suárez sinalou que “o convenio servirá para seguir poñendo en valor os nosos cascos vellos, en Ribadeo temos o da vila e o de Rinlo. E ven derivado dos gastos de funcionamento das oficinas de rehabilitación como a nosa que contan cun técnico e cun administrativo para dar información, tramitar expedientes e para facer máis asequible aos veciños as posibles axudas que poden ter no casco vello. Agora haberá novas vías de colaboración sobre axudas tanto estatais como autonómicas que centralizaremos no Concello”.
O rexedor engadiu que “así achegaremos máis a administración ao cidadán, o obxectivo é que o nosos veciños, vivan no casco vello ou non, poidan ter información e tramitar as axudas sen necesidade de ir á capital da provincia a facer estas xestións”. Ata o momento as oficinas de rehabilitación ofrecían información e tramitaban axudas das ARIS e a partires da agora informarán sobre axudas de rehabilitacións do Plan de Vivenda alleas ás ARIS e polo tanto aplicables a todo o concello; sobre as axudas autonómicas para rehabilitación en conxuntos históricos e tamén para rehabilitación rural.
Suárez Barcia asegurou que “se trata dun paso máis neste ánimo que temos que ter todas as administracións para recuperar vivenda e os cascos vellos e para poñer en valor tanto nos espazos públicos como nos privados toda a capacidade da administración autonómica e estatal de cara a subvencionar reformas ou melloras de vivenda e que estean canalizadas a través dos Concellos, como é o caso de Ribadeo”.
Pintado de rúas
Por outra banda, o alcalde de Ribadeo, contou que “xa levamos varias semanas, e supoño que moitos veciños verían como a brigada de Obras está traballando de maneira continúa no pintado dos pasos de cebra, de peóns e das diferentes marcas de sinalización horizontal en toda a vila”.
Fernando Suárez pensa que “con respecto a outros anos, a parte de facelo nós directamente o que quixemos foi anticipalo á época estival. Lembro que sempre era bastante criticado facelo no medio da campaña estival cando había moitos turistas, agora da gusto ver todas as rúas da vila prácticamente rematadas e con todo preparado para o aluvión de turistas que recibiremos. Si veñen tantos como o ano pasado poderemos falar dun segundo ano moi positivo de cara á hostelería, ao comercio, á restauración… de cara a este sector terciario tan importante que temos en Ribadeo e para eso queremos que as nosas vías públicas estean en perfecto estado de revista”.