“Dándolle a Volta”, proxecto do Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa Fundación Obra Social La Caixa, abordou en diferentes IES da Mariña as desigualdades existentes entre homes e mulleres na sociedade actual, así como a Violencia de Xénero. Na campaña traballouse con alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO e o obxectivo principal foi favorecer e proporcionar un coñecemento crítico sobre os mecanismos de transmisión de roles e estereotipos na sociedade que nos leven a identificar as causas da violencia de cara as mulleres, os modos nos que se dá e as posibles abordaxes para traballar a súa prevención.
Os obradoiros, que tiveron lugar no IES Marqués de Sargadelos de Cervo (durante finais de marzo e principios de abril), no IES Perdouro de Burela e no IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo (ambos durante todo o mes de maio), constaron dun total de catro módulos: construción da identidade de xénero, roles e estereotipos sexistas, análise dos medios nos que nos socializamos e violencia nas relacións. Para traballar os temas, presentouse ao alumnado diverso material como vídeos, imaxes, textos, etc. para favorecer a reflexión e o debate.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade esperamos seguir traballando cos centros educativos en vindeiros cursos académicos, xa que nos parece primordial a educación en igualdade dos nosos mozos e mozas.