RIBADEO .- Presentáronse en Ribadeo as xornadas que se celebrarán os días 28, 29 e 30 de xuño dentro da iniciativa “Beber do País”. Son unhas xornadas de introdución e coñecemento da cultura vinícola lucense e galega. Ao acto asiteuo delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga e outros responsables políticos
Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU EN RIBADEO NA PRESENTACIÓN DAS XORNADAS DE PROMOCIÓN DOS VIÑOS GALEGOS
As xornadas, organizadas desde a Asociación Provincial Empresarios Hostalería de Lugo, celebraranse no Parador de Ribadeo os días 28, 29 e 30 de xuño
RIBADEO, 23 de xuño de 2010. O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta tarde á presentación das xornadas que se celebrarán en Ribadeo os próximos días 28, 29 e 30 de xuño dentro da iniciativa “Beber do País”. Son unhas xornadas de introdución e coñecemento da cultura vinícola lucense e galega que pon en marcha a Asociación Provincial de Empresarios da Hostelería de Lugo e a Asociación Galega de Viticultura (pertencente a FRUGA), coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Á presentación tamén asistiron Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo, Manuel González Vilas, vicepresidente da Asociación Galega de Viticultores, e Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo.
Na súa intervención, Antonio Veiga afirmou a súa satisfacción por traballar coas asociacións que organizan as xornadas, e mencionou a importancia de celebralas “nun lugar como a Mariña lucense, onde si ben non presumimos de viños, si o facemos de produtos do mar e da terra que de seguro fan moi boa maridaxe con calquera dos caldos que se poderán catar no Parador”. Subliñou a importancia de iniciativas deste tipo que “procuran divulgar e afondar na cultura do viño en Galiza noutras partes do país”.
O curso, que conta con 40 prazas a disposición do público, desenvolverase de17 a 19 horas, comezando o día 28 coa xornada de iniciación á cata, a cargo do director técnico da Adega Moraima, Fernando Rodríguez Pequeño. Neste primeiro día, realizarase unha aproximación á fase visial da cata e maila olfativa e gustativa. O día 28, farase unha cata de cada un dos viños xenéricos de cada Denominación de Orixe, para ver as principais características destas. Para rematar, o derradeiro día de curso Roberto Regal López, da Consultora Vinícola RL, dirixirá a cata de viños de marca de cada D.O., para ver as diferenzas que poden aparecer en canto á elaboración de cada adegueiro. Algún deles se atopará no acto para resolver as dúbidas que surxan ao respecto.
Os viños que se catarán nestas xornadas son Fragas do Lecer (Godello-Treixadura 2009) con Denominación de Orixe Monterrei, Eidosela (Albariño 2009) con D.O. Rías Baixas, San Mamed (Mencía 2009) con D.O. Ribeira Sacra, San Martiño (Mencía-Caíño 2009) con D.O. Ribeiro, e Bioca (Godello 2009) con D.O. Valdeorras.