SANTIAGO .- O ente público Portos de Galicia instalará un separador de augas hidrocarburadas na zona de varada do porto de Ribadeo. Esta actuación foi solicitada con cargo aos fondos do Plan de Investimentos en obras Menores (PIM) e suporán un investimento duns 18.000 euros.
Esta obra foi solicitada polo Club Náutico para dotar á zona da mariña seca do club náutico de Ribadeo dun sistema de recollida e separación de augas hidrocarburadas. Esta actuación inclue a comprobación das pendentes para situar os sumidoiros no lugar adecuado e canalizar as augas mediante unha condución que discorre por ambos rexistros ata o separador de hidrocarburos, mellorando así as calidades das augas e separando as perxudiciais, enviando a través dun pequeno emisario, as augas limpas.
Plan de Investimentos en obras Menores
o ente público Portos de Galicia, está a executar obras de infraestrutura e inversións menores nos portos da provincia de Lugo de acordo coas necesidades dos seus distintos usuarios como son as confrarías, clubs náuticos, asociacións e concesionarios e operadores portuarios, entre outros.
Entre as actuacións realizadas por este programa figuran a reordenación de fondeos, limpezas de fondos mariños, defensas para os peiraos, casetas, remodelación de locais, galpóns e almacéns, pavimentacións e asfaltados de viais portuarios, mantemento e reparación en xeral de portalóns e reparación de superficies en lonxas, vestiarios, entre outros.
Tamén figuran nestas partidas as correspondentes á colocación de alumeados nos portos e edificios de comercialización e venda de peixe, colocación e acondicionamento de escaleiras, tanto nos edificios como nos peiraos. Segundo as peticións recibidas, a maior parte corresponde ás efectuadas polas confrarías de pescadores.