SANTIAGO .- Portos de Galicia comunicou ao concello de Viveiro a incoación do expediente de caducidade da concesión administrativa con destino á construción e explotación das instalacións náutico recreativas no dominio público portuario adscrito ao porto de Viveiro, como consecuencia dos múltiples e reiterados incumprimentos das condicións do titulo concesional.
Ao mesmo tempo, e como medida provisional, Portos de Galicia suspende as facultades do concesionario de explotación da concesión a través de arrendamentos parciais ou de calquera outra cesión temporal a terceiros.
A falta de atención e servizos aos usuarios, o abandono das instalacións, a falta de limpeza da lámina de auga e o mantemento dos calados na dársena, son algunhas das consideracións tomadas en conta polo ente público á hora de tomar a decisión de caducar dita concesión.
Así mesmo, despois de intentar en numerosas ocasións desde Portos de Galicia obter a documentación requirida para o cumprimento das condicións concesionais, o ente público autorizou a incoación do expediente de caducidade da concesión administrativa outorgada ao Concello de Viveiro con destino á construción e explotación de instalacións náutico recreativas no porto.
Ademais, e como base para garantir a prestación dos servizos de interese público imprescindibles para o funcionamento do porto dentro dos parámetros que esixe a normativa de aplicación, particularmente no que atinxe á normativa tarifaria, de policía e seguridade portuarias e medio ambiental, dada a situación de inactividade e absoluta falta de control denunciados por Portos de Galicia e diversos usuarios do porto, acordouse adoptar a medida con carácter provisional consistente na suspensión da actividade, uso e explotación das instalacións por parte do concesionario.
Esta decisión implica que Portos de Galicia, sen prexuízo do que resulte da tramitación do expediente, asuma provisionalmente as funcións que corresponden ao concesionario empregando calquera das formas que procedan en dereito.