A Confederación Intersindical Galega, dentro das mobilizacións programadas como resposta ao decreto de medidas extraordinarias aprobado recentemente polo goberno central, concentrou diante da entrada do Hospital da Costa a un numeroso grupo de traballadores e traballadoras dos diferentes sectores da área pública da Mariña.
A concentración celebrouse entre as 11,30 e as 12 horas e, ao remate, Dores Fernández Abel, en representación da federacións de Ensino, Saúde e Administración Pública da CIG, leu un manifesto no que rexeitaba as medidas aprobadas por inxustas e por non ir contra aqueles que provocaron a crise: a especulación e o sistema económico neoliberal.
Por outra banda criticouse no manifesto a campaña de desprestixio a que están sometendo aos traballadores e traballadoras do sector público e que ten como fin dividir á clase traballadora e camiñar na privatización de servizos e precarización do público.
Por ultimo animou aos traballadores do sector público a participar na folga do dia 8 de xuño e na manifestación que terá lugar ese dia en Lugo e para a que organizarán dende o sindicato o transporte.