Nota de Prensa
CARMEN GALLEGO CRITICA QUE A XUNTA APROBE UN “DECRETIÑO” AXUDAS AOS MUNICIPIOS AFECTADOS POLAS CHUVIAS NA MARIÑA E CONSIDERA “QUE É UNHA SIMPLE DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS”
A socialista critica que a Xunta inclúa a proposta dun protocolo de coordinación co resto das administracións “en lugar de asumir a súa responsabilidade como Goberno de Galicia”
Sinala que a aprobación deste decreto é “unha mensaxe clara ao resto dos afectados por temporais de que non van recibir un euro da Xunta”
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2010.- A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG criticou hoxe que a Xunta aprobase o que cualificou como un “decretiño” de axudas aos municipios afectados polas chuvias na Mariña lucense, que considerou “non é máis que unha declaración de intencións” e unha mostra “de que o Goberno galego non vai asumir a súa responsabilidade”.
Así, Gallego cuestionou que o decreto aprobado no Consello da Xunta propoña a creación dun protocolo de coordinación co resto das administracións. “O que fai Feijóo é optar polo escapismo e por non asumir a súa responsabilidade para solucionar os problemas de Galicia, xa que está a dicir que se hai outras administracións que paguen, mellor”.
Do mesmo xeito criticou que o Goberno galego “opte por diseminar a xestión das axudas entre distintas consellerías, o que suporá incrementar a burocracia e complicará con retrasos e trámites aos cidadáns que necesitan reparar os danos de inmediato”.
A responsable das políticas medioambientais do PSdeG lamentou que o Goberno galego “esqueza” aos afectados por outros temporais, e considerou que a aprobación deste decreto “é unha mensaxe clara para estes afectados de que non van recibir un euro da Xunta”.