FOZ (FNC) .- O alcalde de Burela e presidente do Pacto Territorial polo Emprego da Mariña, Alfredo Llano, fai unha chamada á participación na asamblea xeral prevista para mañá mércores 9 de xuño ás 19 horas en Foz. Llano considera que é o momento de decidir o camiño que debe tomar neste 2010 dito pacto.
Na orde do día figuran os seguintes puntos: situación contable da asociación impulsora do Pacto Territorial polo Emprego da Mariña “no relativo aos gastos da asociación non subvencionables con cargo á axuda concedida pola Xunta para a posta en marcha da Unidade de Promoción e Desenvolvemento”; tamén se debatirán a aprobación das contas de 2009, a memoria de actividades de 2009 e as actividades previstas para 2010. Alfredo Llano considera que “é o momento de darlle un relanzamento a este Pacto Territorial polo Emprego, aquí todo o mundo se pode manifestar e decidir o camiño que mellor nos pode ir para que esta Unidade teña unha maior connotación e poida influir máis no emprego, relanzar e motivar o mercado laboral. Sen andar con críticas raras o que hai que facer agora é poñerse a traballar para que este pacto sexa o máis eficiente posible”.
O alcalde de Burela engade que “todo o mundo pode colaborar para sacarlle un maior rendemento a este pacto e agardo que a participación dos Concellos sexa moi alta”.
Por outra banda, Alfredo Llano participa hoxe martes no último acto das festas patronais que é a ofrenda floral aos náufragos que ten lugar no porto de Burela.