Nota de Prensa
0 PP OPONSE A REHABILITAR “AS CASAS BARATAS” DE BURELA TAL COMO RECLAMABA O BNG
A portavoz de Infraestruturas do g.p do BNG, Teresa Táboas rexeitou unha emenda do Partido popular que pretendía responsabilizar ao Goberno central e concello de Burela da rehabilitación deste grupo de vivendas
Santiago de Compostela, 24 xuño, 2010. A portavoz de infraestruturas do g.p do BNG Teresa Táboas rexeitou a emenda presentada polo grupo do PP á proposición non de lei defendida pola nacionalista sobre a necesaria reparación das Vivendas de Promoción Pública de Burela.
A deputada nacionalista lembrou que a Consellaría de Vivenda e Solo do anterior Goberno bipartito acometeu dúas tarefas: por unha parte, resolver a eiva xurídica dos propietarios das vivendas aos que non se lles entregaran as escrituras de propiedade e por outra, a execución das obras para proceder reparación das casas, tal e como recollían os orzamentos do ano 2009.
Táboas explicou que feito o cambio de goberno , “as obras non se iniciaron” e mesmo, os orzamentos destinados para este cometido non aparecen reflectidos nos orzamentos xerais do ano 2010, cando no 2009, -dixo- “correspondíanlle ás vivendas de Burela-Río 100.000 euros, Burela-Juan Bautista 400.000 e Burela-Antonio Garelly 327.850 euros”.
Ante esta situación, a deputada do BNG reclamou, sen éxito, do Goberno galego a continuación das actuacións programadas e debidamente orzamentadas pola Consellaría de Vivenda e Solo do Goberno bipartito para a reparación dos grupos de vivendas de promoción pública de Burela: San Juan Bautista, Antonio Garelly e rúa do Río.
Pola súa parte, o portavoz do PP presentou unha emenda na que solicitaba a colaboración do Goberno central e o concello de Burela para acometer as devanditas obras, emenda que foi rexeitada por Táboas afirmando que “as competencias en vivenda xa están transferidas e son responsabilidade da Xunta”. Ademais a parlamentaria nacionalista considerou que esta emenda tiña o propósito de adiar as obras e “botar balóns fora”.
A proposición non de Lei defendida polo BNG rexeitada.