Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lembra que está pendente a cesión do edificio para o albergue de peregrinos de Ribadeo por parte da igrexa

Nota de Prensa

Natalia Barros destaca que o seu partido apoia a recuperación do edificio, “mais logo da súa cesión e cando se dispoña da dotación orzamentaria correspondente” e lembra que  a Xunta acometerá a súa consolidación estrutural para evitar novos derrubes

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE ESTÁ AÍNDA PENDENTE DE MATERIALIZAR A CESIÓN FINAL DO EDIFICIO PARA O ALBERGUE DE PEREGRINOS DE RIBADEO POR PARTE DA IGREXA

* A deputada lamenta que o PSOE “por unha parte nos impoña recortes nos orzamentos da Comunidade Autónoma e por outra esixa prazos de execución inmediata de obras que eles non fixeron nos seus catro anos de goberno”.

Santiago, 4 de xuño de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular lembra que está aínda pendente de materializar o convenio de cesión final do edificio para o novo albergue de peregrinos de Ribadeo por parte da igrexa, polo que resulta polo momento inviable licitar e iniciar as obras como pretendía o Grupo Socialista a través dunha iniciativa debatida hoxe en comisión parlamentaria.

A voceira de Turismo do Grupo Popular, Natalia Barros, destaca que o seu partido apoia a recuperación do edificio, “mais logo da súa cesión e cando se dispoña da dotación orzamentaria correspondente” e lembra que  a Xunta acometerá a súa consolidación estrutural para evitar novos derrubes, cando a cesión sexa efectiva. Barros salienta que o Goberno galego “ven traballando arreo na organización e planificación dun Xacobeo que, por culpa da falta de planificación do Bipartito, conta con escasos recursos económicos e pouco tempo”. Ademais, “tivo que levar a cabo un enorme esforzo en 2009 no ámbito da recuperación dos camiños e espazos adxacentes, facendo un plan corrector en colaboración cos concellos, as asociacións de amigos do camiño e mediante convenios coa Igrexa”, como no caso do albergue de Ribadeo.

Así mesmo, resalta que xa se está a levar a cabo o acondicionamento e a dotación dun albergue temporal nesa localidade, mediante convenio co Concello, “para paliar as necesidades de prazas neste camiño”, así como traballando na recuperación do edificio histórico do século XVII que vai ceder o Bispado para o novo albergue, un proxecto “moi coplexo desde o punto de vista técnico, non só pola importancia histórica do mesmo, senón pola súa propia magnitude” e mesmo “polo forte investimento que implica acometelo”.

A deputada lamenta, nese sentido, que o PSOE “por unha parte nos impoña recortes nos orzamentos da Comunidade Autónoma e por outra esixa prazos de execución inmediata de obras que eles non fixeron nos seus catro anos de goberno”.

Exit mobile version