Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lamenta que non se desconvoque a manifestación en defensa da sanidade pública na Mariña

NOTA DE PRENSA
Tanto o Presidente da Xunta, como a Conselleira de Sanidade en distintas declaracións públicas e incluso unha resposta oficial por escrito da Xunta, tal e como eles pedían, véñen a garantir a independencia e total capacidade de xestión da área sanitaria da Mariña e pese a iso o colectivo non da marcha atrás
O PP DA MARIÑA LAMENTA QUE A PLATAFORMA SANITARIA NON DESCONVOQUE A MANIFESTACIÓN PESE A QUE PERDERON TODO SENTIDO AS SÚAS REIVINDICACIÓNS

* Os populares están convencidos que a persistencia da plataforma pola protesta pese aos chamamentos reiterados ao diálogo evidencian “que estamos ante unha manifestación política, disfrazada co argumento da sanidade, se fai contra o Partido Popular e solo porque o Partido Popular hoxe está no Goberno”

* Os populares negan unha vez máis todos e cada un dos argumentos que mantén a plataforma: nin desaparecerá o hospital, nin haberá traslados a Lugo para consultar con especialistas, nin se perderá ningún servizo, e preguntan onde estaban estes colectivos os pasados catro anos cando se falseaban as listas de espera, as obras do hospital non se realizaban e se colapsaban incluso os centros de saúde para pedir receitas.

A Mariña, 25 de xuño de 2010.- O Partido Popular da Mariña lamenta que a plataforma sanitaria non desconvoque a manifestación prevista para o día de mañá pese a que perderon todo sentido as súas reivindicacións e polo tanto, a manifestación non ten obxecto nin xustificación. Desde o PP lembran que tanto o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, en reiteradas ocasións, teñen realizado declaracións públicas nas que veñen a garantir a independencia e total capacidade de xestión da área sanitaria da Mariña “en Burela e desde Burela”. Incluso o propio Partido Popular, respondendo a unha petición da plataforma, solicitou e remitiu con posterioridade unha resposta oficial da Xunta de Galicia na que se ofrecen totais garantías, por escrito, destes compromisos.

Xa que nada parece valer para que este colectivo dea marcha atrás, e tendo en conta a persistencia da plataforma pola protesta pese ao chamamento ao diálogo efectuado no día onte, os populares sinalan que estes feitos afianzan o seu convencemento de que estamos ante unha manifestación “disfrazada co argumento da sanidade, pero que en verdade se fai contra o Partido Popular, e porque o PP goberna na Xunta”

RESPECTO CRÍTICO

Os populares insisten en que, como non podería ser doutro xeito, respectan a aquelas persoas e colectivos que teñen anunciado a súa asistencia á manifestación, pero de ningún xeito poden compartir os seus argumentos, xa que todos e cada un deles son falsos ou responden a manipulacións sen fundamento da realidade. De xeito especial desde o PP insisten en que nin desaparecerá o hospital, nin haberá que trasladarse a Lugo para consultar cos especialistas, nin se perderá ningún servizo. “Desde a plataforma están a mentir, e temos que dicilo así de claro, porque non hai outra cualificación para describir os argumentos que están a empregar”- sinalan con contundencia desde o PP.

DESAPARECIDOS DURANTE OS CATRO ANOS DE BIPARTITO

Segundo os populares cada vez son máis os veciños da comarca que se achegan ata os distintos responsables municipais e autonómicos desta formación política para transmitir o seu apoio conscientes desta estratexia interesada de confusión que está a desenvolver a plataforma nun ámbito tan serio como é o da sanidade. Moitos deles se están a facer a mesma pregunta que calquera pode efectuar á luz do que está a suceder, isto é ¿onde estaban estes colectivos os pasados catro anos de Goberno bipartito cando non só se falseaban as listas de espera, senón que as obras do hospital non se realizaban? –hoxe xa comezou a de a reforma da área de maternidade-, ¿onde estaba a plataforma sanitaria cando a mala xestión da Xunta de PSOE e BNG incluso se materializaba no colapso dos centros de saúde, incluso para pedir receitas?.

Para os populares está máis claro que nunca que unha vez que perderon a responsablidade de Goberno na Xunta, socialistas e nacionalistas decidiron reactivar as plataformas de protesta contra o PP, e que un exemplo desta estratexia o estamos a ver en materia de sanidade. Insisten ademais en que, malia que poden existir persoas ou colectivos que desde a boa fe poidan estar confusos ou enganados pola plataforma sanitaria, o núcleo fundamental desta está instrumentalizado por PSOE e BNG e polos seus sindicatos e organizacións afíns. “Este é un feito constatado e constatable, porque moitos dos colectivos que se veñen de adherir á plataforma ou son directamente concellos gobernados por estas formacións políticas ou comités de persoal de empresas controlados por sindicatos próximos ao socialismo e ao nacionalismo”. Sen restar valor a liberdade para manifestarse destes colectivos si insisten na politización evidente dunha protesta que perdeu todo sentido, porque nin a Xunta nunca fará nada en contra do hospital, nin hai interese algún en prexudicar a sanidade da Mariña.

Exit mobile version